Seis desfiles procesionais e unha escenificación enchen a Semana Santa

A talla gótica do Cristo dos Mareantes nun desfile da Semana Santa

A Confraría da Semana Santa presentou o cartel de eventos cos que encherá as rúas a partir do 14 de abril. Ese día, ás cinco e media da tarde, sairá de San Domingos, cara a oxival franciscana, a procesiñón de Ramos, coa talla do Burriño.

Seguiráa no calendario o Vía Crucis que sairá o 17 desde a igrexa das Agostiñas as oito do serán. Irá ata a igrexa de San Francisco. Acompañará á procesión a Agrupación Musical Santísimo Cristo de la Buena Muerte de Ferrol.

O Xoves Santo terá lugar o Santo Encontro, a partir das nove e media da noite. Dende as igrexas de Santa María, San Francisco e Santiago, cos pasos: Xesús atado á columna, Xesús Nazareno de Medinaceli, Cristo dos Mareantes ou da Misericordia, Ecce Homo e o paso da Virxe Dolorosa. Desenvolverase na praza da Constitución a cerimonia do Santo Encontro e no adro de Santa María a cerimonia da despedida coa participación das sopranos Victoria Álvarez e Crsitina López. Acompañarán a procesión a Banda de gaitas e tambores Zucurrundullo de Castroverde (Lugo) e a Banda Acotaga de Ferrol.

Vía Crucis baixando a Fonte de Unta. Imaxe sacada da conta de facebook da confraría

Ao día seguinte ao mediodía terá lugar o Vía Crucis Escenificado en Santa María do Azougue. Logo, ás sete e media da tarde, desde San Domingos partirá a procesión do Santo Enterro, cos pasos do Cristo das Ánimas, Santo Sepulcro, a Nosa Señora da Angustia e a Nosa Señora da Soidade. Acompañarán a procesión a Agrupación Musical Virgen de la Amargura e a Banda de las Angustias, ambas as dúas de Ferrol. Contará tamén coa participación da cantante lírica Clara Jelihovschi.

Ás dez desde San Francisco sairá a dos Caladiños, cos pasos da Nosa Señora das Dores e da Santa Cruz. Acompañarán a procesión a Banda Municipal de Música de Betanzos e a Agrupación Musical Virgen de la Amargura de Ferrol. Contará tamén coa participación da cantante lírica Clara Jelihovschi e a pianista Ludmila Shevyakova.

Finalmente, o sábado ás seis e media da tarde, novamente desde San Domingos partirá o desfile procesional da Soidade, cos pasos da Nosa Señora da Soidade e de San Xoán Evanxelista. Acompañarán a procesión a Banda Acotaga de Ferrol e a Agrupación Musical Virgen de la Amargura de Ferrol. Contará tamén coa participación da cantante lírica Clara Jelihovschi e a pianista Ludmila Shevyakova.

Ademais da ducia longa de imaxes, a confraría asegura que mobiliza a un millar de colaboradores e porteadores para esta cita, declarada de interese turístico galego.