Seis deberes pendentes do goberno local en mobilidade

Coches mal estacionados na praza do Campo. Imaxe de arquivo

A Semana Europea da Mobilidade celébrase cada ano, entre o 16 e o 22 desetembro. Este ano o lema escollido era “Camiña con nós”. É unha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como aos cidadáns, sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

Está iniciativa xurdiu en Europa en 1999 e a partir do ano 2000 contou co apoio da Comisión Europea. Celébrase cada ano, do 16 ao 22 de setembro, realizando actividades para promocionar a mobilidade sustentable e fomentando o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes. O 22 de setembro celébrase ademais o evento A cidade, Sen coche!, orixe desta iniciativa europea, que pretende atopar novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades.

O tema elixido este ano pola Comisión Europea está centrado en camiñar e pedalear de forma segura, todo un reto para valentes nunha cidade como Betanzos. A seguir analizamos seis exemplos de materias pendentes en mobilidade por parte do Concello de Betanzos, gobernado durante case catro décadas polo mesmo partido, o PSOE.

O eterno debate da mobilidade no Casco Histórico

Na praza de Fernán Pérez de Andrade o PSOE propón recuperar o estacionamento dentro do seu plan de “parking express”

En 2003 o Concello, desde a concellaría de Casco Histórico que dirixía o BNG nun goberno de coalición co PSOE, puxo en marcha o plan de rehabilitación do Casco Histórico, que entre outras medidas de dotación de servizos, rehabilitación de vivenda e reurbanización de rúas, incluía a supresión de beirarrúas e a restricción do tránsito rodado na zona monumental ao uso que viñan facendo xa na altura outras cidades e vilas galegas, como as de Allariz ou Pontevedra que serviron de inspiración.

O PP púxolle proa a este proxecto, lanzouse unha recollida de sinaturas na que participaron destacados cargos orgánicos do propio PSOE e cando en 2007 a dereita tomou o Concello, o proxecto abandonouse, recuperando os vehículos as prazas e rúas que foran gañadas para as persoas.

Cando en 2011 o PSOE recuperou o poder, lanzou a idea dun plan de parking expréss para a zona monumental que prevía estacionamentos de 45 minutos. Por dúas veces o PSOE aparcou calquera medida ao respecto ante inminentes citas coas urnas, de maneira que continúa sen resolverse o eterno debate de Betanzos en torno á mobilidade na zona monumental.

As motos no Campo e o aparcamento indiscriminado

Motos no Campo. Imaxe de Moterus

Conta unha das persoas que fixo de cicerone ao pedagogo italiano Francesco Tonucci cando veu a Betanzos a pasada primavera para participar nas Xornadas de Diversidade que organiza a comunidade escolar do CEIP Vales Villamarín que case padece un síncope ao visitar o centro histórico betanceiro nun percorrido deseñado polo alumnado do colexio. Tonucci, inspirador do modelo de mobilidade de Pontevedra e asiduo da Boa Vila, non deixou de ocultar o seu desagrado coa ocupación de vehículos e motocicletas na praza do Campo nunha entrevista en La Opinión na que aseguraba que “os espacios da xente privatizáronse, esta praza- a do Campo- demóstrao ben. Cando as prazas estén totalmente libres de coches e cheas de xente, de nenos xogando, será síntoma de que Betanzos vai por bo camiño” e sinalaba a “responsabilidade” do Concello por manter a situación.

Cada fin de semana a praza do Campo énchese de motos aparcadas sobre a súa superficie. O executivo local asegura que son un estímulo para a economía local. Un carril de circulación da mesma praza serve en demasiadas ocasións para paradas de turismos, cando non aparcan nas zonas de carga e descarga da praza ou sobre un carril fronte aos Soportais. Esta pasada fin de semana, o executivo sacrificou pista de ciclismo, pistas deportivas descubertas do Carregal e Pasatempo para un encontro de motocicletas, privando de alternativas de lecer gratuítas á poboación cando hai outros emprazamentos para poder convivir ambas actividades. Mesmo o executivo local aparca os seus vehículos diante do Edificio Arquivo, equipados con tarxetas dunha suposta autorización municipal, cando baixo a praza hai un estacionamento soterrado.

As rúas do centro reproducen esa tónica: un carril enteiro na rúa dos Ánxeles, á altura do antigo Cine Capitol, outro no inicio da avenida Jesús García Naveira a carón do mesmo Edificio Arquivo, sobre as beirarrúas na rúa do Rollo, dentro dunha praza supostamente peonil como a da Constitución para ir tomar algo ás cafeterías do entorno,… o descontrol mesmo levou ao goberno local a pintar como prazas de estacionamento en rotondas ou interseccións os parcamentos indebidos ou sinalizar vados permanentes e prazas para discapacitados nunha rúa peonil como a rúa Travesa… no que nega que esta situación de desaforado estacionamento indebido exista e se tolere. Para canto máis recoñecer a súa incidencia no bo funcionamento dos servizos, na mellora da calidade de vida para a veciñanza ou, simplemente, na boa saúde das arcas municipais por non ter que repoñer e remendar constantemente as beirarrúas que as rodas rebentan cando non están inzadas de bolardos.

Bolardos, macetas, terrazas, bordos, postes, farois, …

O Convento de Donas co aparcamento no lateral

Se dar cunha rúa sen estacionamento indebido parece tarefa titánica, propoñémoste facer un percorrido nunha cadeira de rodas polo centro de Betanzos. De non haber un vehículo sobre a beirarrúa, outros obstáculos poden aparecer de forma que transitar por un espazo supostamente reservado para as persoas sexa imposible. Bolardos ou vallas que comprometen a viabilidade en beirarrúas estreitas- cando non torcidos por algún golpe dun coche que quixo estacionar-, farois ou postes de telefonía ou alumeado sobre a beirarrúa, sinais de tránsito, macetas…. A cantidade de elementos fixos do mobiliario público que impiden o tránsito é de catálogo.

Pero aínda poden sumárselles as beirarrúas sen rebaixe para poder atravesar a calzada. Cada vez son menos, pero habelas hainas. Ou con rebaixes impracticables. Ou con rebaixes pero cun vehículo indebidamente estacionado sobre un paso de peóns. Toda a praza do Campo, desde o Edificio Arquivo ata o Colexio de Orfas, está seccionada por un bordo dunha beirarrúa tan innecesaria como incómoda para persoas con problemas de mobilidade reducida. Apenas medio metro de rampla, a carón da Alameda, son canta posibilidade de salvalo hai.

Ou colectores de lixo colocados para maior facilidade da empresa de recollida e terrazas nas súas múltiples modalidades, desde as que instalan elementos fixos ao simple bocoi con propaganda dalgunha bodega. A efectos prácticos rematan por impedir o tránsito peonil seguro. E iso que hai unha ordenanza que supostamente garante que unha persoa en cadeira de rodas poida circular por calquera espazo aínda que haxa instaladas terrazas.

Os camiños seguros escolares

Unha concatenación de todos estes elementos atopará calquera escolar que vaia a pé ao seu centro de estudos. Hai unhas semanas o goberno local anunciou que viña de poñer en funcionamento un camiño seguro escolar de 800 metros, entre a praza de Alfonso IX e o CEIP Vales Villamarín. Fora aprobado pola Corporación … en 2013!!

A razón de 133,33 metros por ano, o goberno do PSOE sinalizou un camiño seguro escolar que non conecta o centro cos domicilios do alumnado (cousa que reclamou o BNG a pasada semana) e que non pasaría unha auditoría de camiños seguros escolares das que realiza a Fundación Mapfre.

Está aínda pendente levalo ás prazas e rúas onde viven maioritariamente os escolares do municipio, desenvolver outros polos outros dous itinerarios que levan á escola- Ponte Nova e desde As Cascas- para os que non hai sequera proxecto anunciado e levar outro ao colexio de Atocha e ao Pai Menni- a onde chegar require sortear vehículos sobre as beirarrúas, colectores de lixo e postes e un cruce perigoso sen regulación de ningún tipo no enlace coa N-VI.

O calmado do tránsito

As medidas de calmado do tránsito, esenciais para facer camiñable unha cidade, son moi escasas en Betanzos. Apenas un par de “zonas 30”, na rúa Rosalía de Castro e na Condesa. A primeira, con tres pasos de peóns elevados, a segunda só con sinalización de límite de velocidade. Outros tres pasos elevados e dous lombos de asno pretenden garantir a viabilidade do camiño seguro escolar na avenida do Carregal, xunto con algunhas bandas sonoras ou setas dispersas polo centro de localidade.

Mais o executivo local resístese a aplicar as medidas que realmente permiten calmar o tránsito: supresión de dobres carrís, trazados sinuosos, instalación de “orellas”- para iso, as que hai serven de estacionamento indebido-, peonalizacións, ampliación de beirarrúas… Como moito, bolardos, macetas e valados.

A mobilidade colectiva

Un autobús na praza do Campo

Se ben non depende tan só do Concello, si que é certo que tampouco neste eido o goberno local fai os deberes en materia de mobilidade. A postura con respecto á AP9 que ten o executivo socialista é garantir que a viaxe de volta, dentro do mesmo día, sexa de balde para quen desde Betanzos viaxe no seu vehículo á Coruña. Nin unha postura firme con respecto á mobilidade ferroviaria nin unha voz propia no debate sobre as liñas de autobús metropolitanas, os responsables do goberno local prefiren agazaparse tras do Consorcio das Mariñas ou outros rexedores.

Mesmo tampouco moven peza onde si serían capaces de artellar solucións: hai anos o BNG propuxo unha liña de transporte dentro do propio termo municipal, sen pisar os trazados das concesións que ten a Xunta. Co exemplo dunha iniciativa similar que gobernos locais implantaran en municipios coma Sada ou Boimorto. Que se saiba, o executivo socialista non moveu tampouco peza por garantir un mínimo transporte colectivo ás betanceiras para acudir aos eventos que se organizan na praza do Campo, que son practicamente todos.