Sánchez exixe 331 000 euros para ceder un edificio construído nun solar municipal

O goberno español exixiu ao Concello 331 000 euros para ceder a antiga Casa Sindical, proxectada por Antonio Tenreiro en estilo racionalista sobre un solar segregado do parque municipal. A venta é vista con bos ollos polo executivo local, que anuncia unha taxación para tratar de regatear o prezo do inmoble.

A Casa Sindical, baleira desde hai anos tras ordenar o executivo socialista municipal o seu tapiado, é un inmoble de 2000 metros cadrados distribuídos en dúas plantas e baixo, cun anexo que fora vivenda do conserxe e outro que fora cafetería. A pretensión do goberno local, segundo anunciou en exclusiva en La Voz, é adquirilo, pagalo en dez anos a conta dos ingresos que o Estado fai ao Concello polos tributos recadados no municipio e usalo para centro social.

O PSOE dálle por boa a Sánchez a venta que criticou a Rajoy

O criterio do goberno español segue sendo o mesmo co PSOE que cando o ocupaba o PP: facer caixa coas propiedades públicas que ten e non utiliza en lugar de facilitar o seu uso. Cando gobernaba o PP, o executivo local do PSOE criticaba esta pretensión de cobrar por edificios construídos cos impostos dos betanceiros e sobre solo público pagado tamén polos veciños.

Agora, co PSOE no goberno español, o executivo socialista brigantino dá por bo que se pretenda ingresar máis dun cuarto de millón de euros polo edificio levantado nun recanto do parque. A Rajoy exixíanlle a cesión gratuíta.