Sánchez (BNG) demanda información sobre a afectación da covid en Betanzos e Feijóo anuncia que dará datos dúas veces por semana

Nin sequera cando había varias ducias de veciños da localidade foron confinados tras un surto a inicios do mes de xullo o goberno municipal de Betanzos fixo un retrato, aínda aproximado, da incidencia da covid-19 na localidade. Como noutros asuntos, o executivo local optou por varrer baixo da alfombra e mesmo se permitiu a licenza de arremeter publicamente contra un xornal por unha viñeta que chanceaba sobre o tema. Brincadeira de mal gusto, mais humor á fin e o cabo censurado por un executivo onde o seu número 3 era sorprendido de churrascada saltando as directrices do estado de alarma, ben máis reprobable que un recadriño de humor.

A Xunta, que filtra os datos a un xornal coruñés, asegura que dar os datos desagregados por municipios é “perigosísimo” porque pode dar lugar a estigmatizacións. E así, algúns concellos, como Bergondo na nosa comarca, os fai públicos, para dar unha dimensión real da ameaza silenciosa que existe, e a maioría calan. Con rexedores, coma o nacionalista de Ribadeo, cuestionando enterarse polo xornal coruñés da incidencia da pandemia entre os seus veciños.

Por este motivo, Amelia Sánchez demandou no pleno o pasado martes que o goberno local informe sobre os días e mesmo as horas en que se realizan os labores de limpeza dos parques, pistas polideportivas e outros edificios de uso colectivo, a través por exemplo, dun cartel na entrada destas instalacións. “Son moitos os aspectos da pandemia da Covid-19 que descoñecemos, mais se hai algunha certeza, é que só conseguiremos saír adiante desde a transparencia e a información detallada á veciñanza”, explicou Amelia Sánchez.

“Por iso pedimos ao goberno local e á Xunta que fagan públicos os datos de número de casos confirmados no noso concello, mantendo alerta a poboación e impedindo que esta se confíe na loita contra o virus”, abunda a nacionalista.

Feijóo comprométese a pasar datos codificados como semáforos dúas veces á semana

Onte a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) entrevistouse co presidente da Xunta. Os rexedores reprobaron ao goberno galego a opacidade nos datos de incidencia da pandemia por municipios, que outras moitas comunidades autónomas fan públicos mesmo a nivel de desagragación por barrios, para que a veciñanza non se chame a unha sensación de “falsa seguridade”.

Feijóo pide “desculpas” aos concellos por non pasarlle os datos que o seu goberno filtra a un xornal coruñés e comprometeu que a Consellería de Sanida de enviará dúas veces por semana aos concellos os datos de contaxios e prevalencia do SARS-Cov2 con senllos mapas a sete e 14 días vista nos que se visualizará a situación epidemiolóxica de cada municipio, que se reflectirá cun semáforo (verde-amarelo-laranxa-vermello). A idea é enviar esta información os martes e os xoves, inicialmente.

AFederación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) reclamaba información máis precisa para poder adoptar medidas. Ademais dos presidentes da Xunta e da Fegamp, Alberto Varela, estiveron o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, os conselleiros de Sanidade e Facenda, Julio García Comesaña e Valeriano Martínez, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. Por parte da Fegamp, han os membros da xunta de portavoces da Fegamp, o vicepresidente primeiro e alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez (PP), o vicepresidente segundo e alcalde de San Sadurniño (BNG), Secundino García, e a vicepresidenta executiva e alcaldesa de Betanzos, María Barral (PSOE).