Reaparece en Santa María un arcosolio gótico que tapaba o retábulo de San Pedro

Unha vista de Santa María do Azougue

San Pedro, sobrevestido de romano pontífice, centra un retábulo barroco nunha das capelas da nave dereita de Santa María do Azougue. A obra, custeada polo gremio de zapateiros de que era patrono, foi trasladada desde a capela maior hai séculos. Canto quedaba detrás desta peza de imaxinería barroca, ficou oculto por séculos. Ata que o amaño do retábulo obrigou a movelo.

Alcaldesa e párroco aprestáronse onte a anunciar o “achado” dun arcosolio “non documentado” que contén un relevo da Anunciación e trazas da que puido ser a policromía gótica orixinal, salvada precisamente por quedar o conxunto sepultado polo retábulo. Mais que no lugar había arcosolios está de sobra documentado, contra o que afirmaron rexedora e crego aos medios de comunicación. “Ábrense polos macizos, arcosolios apuntados que albergan dous enterramentos, un de Bonome notario de Betanzos, o outro dun cabaleiro sen inscrición, os demais baleiros ou cubertos por retábulos, como ocorre no de San Pedro…”, detalla describindo o templo oxival o cronista oficial da cidade, José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro, no seu “Betanzos de los Caballeros y sus Mariñas”.

Está igualmente documentado que algúns dos sepulcros que ocupaban arcosolios e capelas no interior do templo do Azougue acabaron situados fóra da igrexa, no adro ou adosados aos contrafortes da capela maior, desde onde foron trasladados ao Museo das Mariñas. Así que o arcosolio da Anunciación “descuberto” ao mover o retábulo de San Pedro ben puido ser o lugar orixinal de algún destes mausoleos.

Que estivese documentado que no lugar había arcosolios que acolleron sepulcros, con todo,  non resta un ápice de valor ao conxunto iconográfico que foi conservado grazas á súa ocultación secular: “un descubrimento emocionante que está por catalogar pero que achega aínda máis valor artístico e cultural a este templo” segundo o crego, Santiago Pérez. Segundo o sacerdote, “alguén apuntou a que, de Galicia, Betanzos é onde máis Anunciacións se atopan” abunda, sumando este novo conxunto ao que ilustra outro arcosolio na veciña igrexa de San Francisco, aparentemente do mesmo obradoiro. Non é de estranar, tendo presente que ambos templos foron custeados por Fernán Pérez de Andrade e se levantan practicamente a continuación un do outro.

A Anunciación era un tema moi recorrente na obra de Andrade, ao punto de sumala ao seu blasón nalgúns muros dos templos e de ilustrar a portada principal de Santa María do Azougue e a actual porta de acceso de San Francisco. Outra Anunciación, de obradoiro e data diferente, é o único elemento decorativo do claustro do antigo hospital da Anunciata, actual mosteiro das Agostiñas Recoletas.

“A diferenza con aqueles- cos de San Francisco- é que aquí é posible que atopemos a policromia orixinal gótica, o que supón que pode ser un dos poucos vestixios góticos policromados que se conserven”, sinalou a restauradora que analizou os relevos. O crego fala xa de mover o retábulo de San Pedro desde o seu actual emprazamento para poder contemplar a “nova” Anunciación, para cuxa conservación e rehabilitación fan falla en torno a 90 000 euros e os permisos de Patrimonio.

Unha fiestra románica en Santiago

En 2010, dentro doutras obras na capela da Trinidade de Santiago, apareceu unha fiestra románica, cegada desde que a Torre Municipal foi adosada ao templo, que probablemente puido pertencer á anterior igrexa que no solar houbo. Está documentada a existencia da vella igrexa de Santiago –que nas crónicas chegan a soster fundada polo propio Apóstolo-, o mosteiro das Cascas- o edificio máis antigo de Betanzos, do século XI- e a existencia dunha encomenda da Orde do Temple onde Fernán Pérez de Andrade o Bo mandou levantar o mosteiro de San Francisco.