Queixa da ANPA do Aguiar polo veto do goberno local aos equipos mixtos no San Roque de futsal

A montaxe coa denuncia da exclusión do equipo mixto. ANPA O Carregal

A ANPA O Carregal, que agrupa a pais e nais de alumnado do IES Francisco Aguiar, denunciou o pasado luns que o goberno local impedía a inscrición de equipos mixtos, conformados por mozas e mozos, no Torneo San Roque de Futsal.

“Non foi admitida a inscrición dun equipo mixto, alegando que tal categoría non está contemplada nas bases da competición” denuncia a entidade nun comunicado na rede social facebook. Explican que “a iniciativa partira da propia rapazada (de entre 15 e 17 anos) que só quería facer una actividade en conxunto”.

A ANPA establece unha comparación co campionato estatal de sprint olímpico de piragüísmo, celebrado en Trasona e no que os padexeiros do CN Ría de Betanzos callaran unha boa actuación. “@s padexeir@s do Ría de Betanzos, acadaron a medalla de prata en K2 junior mixta (por primeira vez se disputaba esta categoría, na que na mesma embarcación padexan un home e una muller)” remarcan.

Ao comparar un torneo amateur cos campionatos estatais, oficiais, lamentan, xogando co lema institucional “Betanzos Tan Cerca, Betanzos Taaaan Lonxe…”

O Colectivo Feminista censura este veto ás equipas mixtas

“Mentres noutras competicións e deportes as categorías mixtas comezan a aparecer, neste caso non se permitiu a inscrición dun equipo mixto creado por iniciativa propia dxs rapacxs dentro da competición, por non existir esa categoría nas bases do torneo” lamenta o Colectivo Feminista das Mariñas, facéndose eco do acontecido.

“O camiño cara a igualdade non pasa unicamente por estabelecer categorías femininas e masculinas cos mesmos premios e consideración, senón tamén por darse de conta de que o feito de que sexamos iguais supón que podemos competir xuntxs nunha mesma categoría” advirten.

Consideran que “o Concello de Betanzos perdeu a oportunidade de demostrar a posta en valor non só da diversidade e da igualdade, senón tamén de facer ver que está atento aos cambios na sociedade e ás propostas dxs máis novxs”.

“Rexeitamos esta actitude intolerante demostrada polo Concello, e apoiamos á rapazada que intentou facer do torneo un espazo inclusivo” conclúen.