Protagonistas da Idade Media en Betanzos: Fernán Martíns

Manuscrito da Crónica Troiana

Manuscrito da Crónica Troiana

Poderosos gremios que marcaban o devir da cidade, rexedores e correxidores, nomes senlleiros das Letras, cabaleiros, heroes, precursoras… A Idade Media en Betanzos foi moito máis que a lenda do tributo das cen doncelas e a poderosa familia dos Andrade. Xornal de Betanzos continua, esta semana de vésperas medievais, o seu percorrido sobre algunhas das figuras da Idade Media máis esquecidas da nosa cidade. E facémolo cun perfecto descoñecido autor dun monumento capital da cultura galega: Fernán Martíns.

Dous Fernán brillaron no século XIV en Betanzos. Ambos, contemporáneos, compartiron escenarios, capítulos vitais e mesmo confidencias. Un ocupa coa súa alongada sombra aínda hoxe boa parte do Casco Histórico, onde unha praza leva o seu nome e a súas armas asoman aínda entre contrafortes e vitrais de templos oxivais. Non debe haber veciño desta cidade ao que sone alleo o nome de Fernán Pérez de Andrade, o Bo, aínda que sexa por crelo señor da cidade segundo a recreación que o goberno local fai, errónea, na programación da Feira Franca Medieval.

Pero do outro Fernán do XIV betanceiro nada se sabe polo grande público. E iso que legou a prosa medieval máis extensa que se conserva, a Crónica Troiana. Que Fernán Pérez de Andrade era afeccionado á caza encargouse el mesmo de deixalo claro no seu sartego. E de que era tamén devoto dos libros de cabalerías fíxoo saber encargando ao seu capelán a traducción do Roman de Troie de Benoît de Saint-Maure.

Pouco se sabe, porén, deste capelán andradesco. Obviamente contemporáneo do seu homónimo, descoñécese o lugar exacto de nacemento de Fernán Martíns. O apelido, con diversas grafías, aparece en documentos desa época en Pontedeume, mais tamén na Coruña, onde un escribán do Concello asina diversos papeis nese tempo. Tendo presente que Fernán Pérez de Andrade estivo ao mando da praza militar coruñesa, tampouco se podería descartar que coñecese alía o escribán. Nin que o acompañase desde o seu Pontedeume natal.

Certo é que entra na corte señorial do primeiro señor de Andrade e con ela itinera pola diversas sés, das que a máis estable parece que foi Betanzos. Crego de formación, será o capelán do señor feudal, e tamén o escribán da casa.  A súa posición e formación fai entender que permitiu influír nas decisións do seu señor, ao punto de que hai quen non descarta que sexa realmente da súa autoría boa parte do programa iconográfico das diversas construccións de Fernán Pérez de Andrade, e, por descontado, de San Francisco de Betanzos, elixido como panteón funerario da casa.

Do seu señor, tal vez por estas cuestións, recibiu encargo de verquer ao galego o Roman de Troie, como queda dito. El mesmo asínao e déixao meridianamente claro na páxina cen dese manuscrito: “Sabbean quantos este liuro virê que eu Fernâ Martiis, clerigo et capelan de fernâ pérez d´Andrade, escriuiu este liuro des onde sse começa esta estoria ata aquí…et escriujo per mâdato do dito fernâ pérez…”

E deixa clara igualmente a data da tradución, 1373, aínda non ben feitos dous anos desde que Fernán Pérez se convertera en señor de Pontedeume. “Este liuro fuy acabado vîjte dias do mes de janeyro, era de mill et quatroçentos et onze ânos”. O programa cultural do mandato do primeiro señor  de Andrade e a estreita vinculación entre Cabaleiro e capelán xa estaban amarrados de antes, parece quedar claro.

Porén, non será o capelán o único autor da obra, da que se conservan 185 folios de pergameu no manuscrito 10233 da Biblioteca Nacional. Fernán Martíns tería feito os cen primeiros, como el mesmo dá a entender, e o resto sería obra colectiva do scriptorium que el mesmo dirixía para a casa de Andrade, moi probablemente na nosa cidade. Os entendidos sosteñen que dos restantes 85, probablemente entre o 119 e o 128, polas características ortográficas, gramaticais e de estilo, serían tamén da súa autoría.

Malia estar detrás do programa iconográfico e simbólico dos monumentos capitais do gótico galego e de acometer a tarefa de redactar a Crónica Troiana- á que aporta máis que a simple tradución, traduttore tradittore- Fernán Martíns é un perfecto descoñecido. O anonimato e a bruma da Historia pesan sobre un home que levantou, co mecenazgo de Fernán Pérez de Andrade, un monumento medieval betanceiro do que non se fala.