Presentan un cupón da ONCE coa imaxe do globo

O Salón Azul do Edificio Arquivo acolleu  onte a presentación do cupón da ONCE dedicado ao globo de Betanzos. No acto participou a alcaldesa, varios dos edís do PSOE, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, que fixo entrega á alcaldesa dunha reprodución enmarcada do cupón.

O responsable da ONCE sinalou que “son cinco millóns e medio de cupóns os que xa están á venda coa imaxe do Globo de Betanzos e servirán para promocionar esta espectacular festa” en todo o territorio estatal.

É a segunda vez neste ano que Betanzos protagoniza o cupón do sorteo, xa que en febreiro o logotipo do 800 aniversario do traslado da cidade desde Tiobre apareceu tamén no cupón da ONCE.

O Cupón Diario da ONCE ofrece, por 1,5 euros, 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras. Ademais, o cliente ten a oportunidade, por 0,5 euros máis, de xogar tamén á serie, e gañar “A Paga” de 3.000 euros ao mes durante 25 anos, que se engadirá ao premio de 35.000 euros.

Terán premio de 500 euros os números anterior e posterior ao agraciado; e premio de 200, 20, e 6 euros ás catro, tres e dúas últimas cifras, respectivamente, do cupón premiado. Así como reintegros de 1,5 euros á última e primeira cifra.

Os cupóns da ONCE comercialízanse polos 20.000 axentes vendedores da ONCE. Como sempre, grazas ao Terminal Punto de Venda ( TPV), o cliente pode elixir o número que máis lle guste. Ademais, pódense adquirir desde a páxina web oficial da ONCE e establecementos colaboradores autorizados”.

A imaxe do cupón é de Foto Arume

Aínda que o goberno local non o di no seu comunicado de prensa, polas redes sociais o estudo local de Fotografía Arume deu a coñecer que a imaxe escollida- entre os milleiros de instantáneas do xigante de papel- é da súa autoría. Celébrao compartindo o premio dun dos billetes.