Precursoras e protagonistas: Urraca Bermúdez, a Condesa

O convento de Donas no barrio da Condesa. Ao fondo, bloque de pisos sobre o espazo que ocupou a súa capela

Poderosos gremios que marcaban o devir da cidade, rexedores e correxidores, nomes senlleiros das Letras, cabaleiros, heroes, precursoras… A Idade Media en Betanzos foi moito máis que a lenda do tributo das cen doncelas, o mito da “cidade dos cabaleiros” e a poderosa familia dos Andrade. Foron tempos marcados por protagonismo colectivo, o de alfaiates ou mareantes, ou o de irmandiños. E por mulleres donas de si, malia a fama do tempo histórico que lles tocou vivir. Asomámonos á nosa historia para descubrir persoeiros que marcaron época na nosa cidade e que actualmente son descoñecidos. E facémolo cunha muller poderosa, e completamente descoñecida, que, malia iso, co seu título dá nome a un dos barrios máis novos da cidade: a Condesa.

Condesa sería, por dereito de berce, Urraca Vermúdez. Ou Bermúdez, que das dúas maneiras aparece nos tombos e rexistros xenealóxicos. Remontámonos nada menos que a 1138, cando Vermudo- ou Bermudo- Pérez de Traba, fillo do poderoso Pedro Froilaz, conde de Traba, princeps Gallaeciae e aio do rei galego Afonso VII- posteriormente rei de León e Castela co mesmo numeral- reconstrúe o mosteiro de San Paio de Xenrozo. Tal mosteiro, berce e casa do arciprestazgo de Xanrozo, é o das Donas ou das Cascas, o edificio en pé máis antigo de Betanzos.

Bermudo herdara a metade deste mosterio do seu pai Pedro Froilaz e o rei Alfonso VII devolveulle a outra metade que recibira de Pedro Froilaz para que Bermudo posuíse toda a propiedade. Bermudo e a súa dona, Urraca Enríquez, infanta de Portugal, reconstruíron o Mosteiro das Donas, dúplice nos seus inicios, e donárono á súa filla Urraca a Maior, que entrou monxa e rematou como abadesa deste cenobio, que posteriormente pasaría ás mans do mosteiro de Sobrado, onde a Casa de Traba, a máis poderosa de Galicia, tiña o seu panteón familiar.

Urraca Bermúdez rexiu como abadesa o mosteiro de Donas ata o seu pasamento, ampliando a donación familiar e gobernando as súas terras, rendas e tributos. Entre eles, os da aldea das Cascas que medrou en torno ao convento e  á ponte medieval do Mendo, no camiño de Santiago, onde andando os séculos os frades bernaldos tiveron tamén capela antes de xestionar a do propio mosteiro. Foi o último alcalde-correxidor de Betanzos, Antonio María Varela e Varela, quen comprou o Campón das Cascas e os restos do mosteiro ao Estado tras a desamortización, por 800 000 reais.

Aínda parcialmente en pé o edificio máis antigo de Betanzos

O das Cascas levaba aí séculos cando Betanzos baixou de Tiobre ao castro de Unta. Tivo tempo mesmo a ver nacer unha romaría, a do San Roque pequeno, que deu pé aos hoxe centenarios e tradicionais Caneiros. Mais desde que o cenobio pasou a mans municipais a súa non foi, precisamente, unha historia con final feliz.

O mosteiro foi derrubado ao abrir o camiño da estación de Infesta. Sobre a capela ergueuse un palacete modernista, tamén desaparecido, e o resto, que funcionou un tempo como vivendas particulares, continúa o seu proceso de deterioro. Sobre a á esquerda do que queda en pé o actual goberno local habilitou un aparcamento contribuíndo á decadencia do máis antigo dos edificios en pé da nosa cidade, que sonou para albergar igrexa para o novo barrio da Condesa – onde Dona Urraca ficou sen rúa nin praza nel- e mesmo para acoller peregrinos a Compostela.

Ningún se concretou, nin sequera foi escollido para ser o centro social do novo barrio e continúa difuminándose cada día un pouco, como o recordo na cidade da casa real galega que o levantou, non por acaso, en Betanzos.