PP e PSOE anuncian obras para tentar convencer ao voto indeciso

A Xunta colou nun acto oficial ao candidato do PP. Imaxe da galería de prensa da web da Xunta

A Xunta colou nun acto oficial ao candidato do PP xa na campaña das xerais. Imaxe da galería de prensa da web da Xunta

A pesar de estar prohibido pola lexislación electoral, os partidos con responsabilidades de goberno na nosa cidade e o noso país utilizan os anuncios de obras públicas estes días para tratar de convencer aos indecisos de votar a súa opción política o vindeiro domingo. Así, o executivo local do PSOE ven anunciando, nos últimos días, un proxecto de 1,3 millóns de euros para recuperar o Pasatempo que consentiu os últimos cinco anos que se degradase ata extremos de decadencia ou, hoxe, a construción dunha pérgola no cruce das rúas Cruz Verde e Xudeos, unha actuación aprobada xa hai un ano en pleno dentro dun plan provincial.

Ademais, o goberno local inseriu nos últimos días a convocatoria de dúas ordes de axudas, para estudantado universitario e mais para as asociacións que non reciben directamente da Alcaldía varios milleiros de euros sen criterios obxectivos e públicos. O anuncio de inicio das obras de rexeneración dos vertedoiros ilegais provocados polo propio goberno do PSOE é outra baza máis nesta campaña.

O PP, que ocupa a Xunta, abriu a precampaña co anuncio de que contrataría tres proxectos para amañar outros tantos inmobles dentro da ducia que a Xunta comprou hai cinco anos no Casco Histórico e que, desde entón, continúan degradándose ano tras ano. Cando o BNG anunciou a súa proposta de convertilos en vivenda de alugueiro para mocidade emancipada se goberna logo do día 25 o PP anunciou que contrataría a execución deses proxectos antes de fin deste mes de setembro.

Valen as grandes actuacións pero tamén as pequenas cousas. o PP betanceiro publicou unha nota de prensa na que se apunta o tanto de que o Consorcio Galego de Benestar, titular da privatizada escola infantil Galiña Azul do Pasatempo, colocase un toldo para facilitar unha zona de sombra no patio do recinto escolar. Os conservadores véndeno como unha grande xestión do seu portavoz que se tería aforrado se o proxecto constructivo tivese presente onde se ía construír a escola infantil e se dotase dun patio cuberto acorde coa dimensión do centro escolar.