A Ponte Vella vivirá mañá o seu día grande coa romaría dos Remedios

Romaría dos Remedios

É, sen lugar a dúbidas, a romaría máis concorrida de cantas se celebran en Betanzos e unha das que máis afluencia de romeiros concita de toda a comarca. Coa celebración de hoxe ás oito do serán, o santuario dos Remedios poñerá punto final á novena que desde finais de agosto celebra na honra da titular da fábrica renacentista.

Mañá será o día grande, cando os postos de roscas e exvotos recuperen a súa presenza na confluencia do Camiño Real a Vilalba e o de Ferrol, onde segundo a lenda apareceu a imaxe, de gusto bizantino, que deu orixe ao actual templo. Desde as oito da mañá e durante cada hora seguiranse os oficios relixiosos ata o solemne da unha da tarde. Ás oito do serán a patroa da Ponte Vella partirá a percorrer o trazado histórico do seu barrio, baixando pola rúa á que dá nome ata a Eira Vella, onde se asomará ao Mandeo antes de retornar ao seu templo, entre candeas, balcóns engalanados, rúas con bandeiras de papel manila que aínda elaboran e colgan os veciños do barrio e moitas mans de centenares de devotos, entre o son da Banda Municipal e a ofrenda en forma de bombas de palenque que unha familia do barrio segue custeando cando Nosa Señora alcanza o cruceiro do Camiño Novo. Tras recollerse, o último oficio relixioso do día dará comezo en acción de gracias.

Sen festa popular

Nas pasadas décadas era habitual a celebración das festas da Ponte Vella en torno a esta data, con verbena, competicións deportivas e mesmo a elevación dun globo, así como a festa do viño mosto coincidindo co 28 de setembro, día de San Miguel, onde o santuario renacentista terá outra romaría- a dos Alborotados- precedida de outra novena. Logo, a calma retornará ao solitario edificio proxectado por Juan de Herrera.