Polémica nas redes sociais polo amaño da pasarela do Pasatempo

Imaxe da visita ao Pasatempo do deputado provincial de Patrimonio para coñecer o estado do recinto

O anuncio do goberno local de investir 260 mil euros no amaño da pasarela do Pasatempo a través do POS está causando polémica nas redes sociais. Esta decisión adoptada polo Pleno do pasado mes de decembro, da que só votou en contra o BNG, tivo como resposta as críticas da asociación de amigos do Pasatempo que reaccionaron mesmo cun vídeo de protesta que leva por título Para que serve a pasarela do Pasatempo? no que varios dos seus compoñentes mostran os desperfectos da zona histórica do parque enciclopédico e urgen a destinar os fondos da obra a rehabilitar os espazos con maior “risco de colapso”.

No que argumentan que o peso da Pasarela é prexudicial para a conservación dalgúns elementos do Parque e que hai elementos que precisan urxentemente unha reparación para non perdelos e pon o foco no templete do estanque do retiro ou os murais de azulexos, dous dos elementos que están en perigo de desaparición, segundo o anteproyecto de rehabilitación redactado fai dous anos.

Amigos do Pasatiempo non só considera que hai que priorizar a recuperación da zona histórica, senón que sostén que a pasarela constitúe un risco: “Reunímonos nos últimos meses con membros de todas as forzas políticas de Betanzos explicándolle o perigo inmenso que supón a monstruosa pasarela de acceso ao parque, porque o seu peso apoia no muro e teito da Gruta da recoleta e está botándoos abaixo, pero soamente o BNG parece ternos feito caso”, critican nun comunicado difundido a través das redes sociais.
A polémica continuou coa publicación esta fin de semana dunha polémica entrevista con Antonio Vázquez Lorenzo, concelleiro de urbanismo que é o competente sobre o Parque e o Casco histórico, no xornal El ideal gallego, na que afirma que “a pasarela debe manterse, pero consideramos que debiamos diferenciar esta actuación, que incidirá no saneamiento e mantemento desta estrutura, do proxecto de recuperación integral do Pasatiempo”.​

Vázquez Lorenzo recoñeceu ao mesmo tempo “que houbo unha época en que, tendo en conta os elevados custos de mantemento que supón, suscitamos retirala, pero Albalat, un dos arquitectos responsables da intervención, sinalou que baixo ningún concepto pois era parte do conxunto e un dos símbolos da parte moderna do parque, ademais da unión entre esta e a histórica, onde agora se concentraran todos os esforzos”.

O Concelleiro responsábel afirmaba tamén que “o acceso a esta parte ten que manterse a través da pasarela pois non hai outra opción para cruzar a circunvalación”. A asociación de amigos do Pasatempo afirmou nas súas redes sociais que “lle vai no cargo dicir certas cousas que ninguén no seu sano xuizo defendería”.

Mentres a Xunta continúa sen comprometer ningún investimento no Parque e o concello só no amaño da Pasarela, é a Deputación provincial a única institución que ten comprometido un investimento de 600 mil euros a través dun convenio para efectuar as obras básicas para impedir o derrubo do Parque. Segue tamén pendente a súa declaración BIC en mans da Xunta de Galicia.