Persoas usuarias e o BNG piden mellorar a coordinación do SAF para garantir a seguridade das traballadoras e das persoas usuarias

maiores coidado

O positivo en coronavirus dunha auxiliar do servizo de axuda no fogar de Betanzos do que informábamos onte, avivou a preocupación pola falta de material de protección, un desabastecemento que non é exclusivo de Betanzos, senón que se repite en todos os municipios do País e que implica un risco nun servizo que atende a persoas especialmente vulnerables.

As representantes sindicais das traballadoras de axuda no fogar foron as primeiras en esixir máis medios para reducir os riscos, unha necesidade que reiterou a auxiliar con coronavirus o domingo e á que se sumaron onte familiares das persoas usuarias.

Máis aló de buscar responsables, usuarios e traballadoras consultadas por este diario, coinciden na necesidade de minimizar os problemas derivados do desabastecemento xeneralizado de material de protección e piden tamén máis información sobre os protocolos e coordinación entre todas as partes implicadas. O Concello de Betanzos expresou hai xa unhas semanas a súa preocupación pola falta de medios que, recalca, correspóndelle proporcionar á empresa concesionaria do servizo. Desde o pasado 20 de marzo puxo ao dispor da empresa 180 máscaras desechables e espera ampliar a dotación nos próximos días.

O BNG propuxo ao goberno local estremar a coordinación do servizo de axuda no fogar (SAF) para que garanta a seguridade das traballadoras e das persoas usuarias e as súas familias. “Entendemos que ningunha Administración nin ningunha empresa estaba preparada para unha situación como esta, pero haberá que mirar como ir mellorando as cousas e reducir os riscos o máximo posíbel”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

O BNG pediu ao goberno local estremar a coordinación do SAF para garantir a seguridade

As nacionalistas entenden que o Concello debe estremar a coordinación entre a empresa concesionaria do SAF e as persoas usuarias. “Revisar e pulir todos os detalles susceptíbeis de ser retocados para evitar ao máximo o risco”, abunda Del Rio. Neste sentido, desde o BNG xa propuxeran a pasada semana na xunta de voceiros establecer “un lugar onde poidan permanecer as traballadoras do SAF entre domicilios e un transporte adecuado nestes momentos”. “Nesta situación, que as traballadoras teñan que facer o tempo na rúa entre un servizo e outro é un risco innecesario”, explican.

Neste momento, argumentou, “o importante é poñer por diante a vida das persoas a saúde dos e das traballadoras, salvar vidas, o primeiro agora mesmo é garantir a saúde e superar canto antes a crise sanitaria”. Por isto, abundan as nacionalistas, cómpre garantir medios e recursos axeitados para as traballadoras do SAF, “veñan da empresa, do Concello ou da Xunta”.

O BNG volveu trasladar todo o apoio, recoñecemento e orgullo ás persoas que están en primeira liña plantando cara ao virus, mesmo poñendo en risco a súa seguridade, para que a maioría da poboación poda estar atendida e coas necesidades básicas cubertas. Igualmente, toda a solidariedade e cariño coas familias que perderon algún ser querido, ou que viven situacións persoais de contaxio, para todos e todas unha aperta solidaria.

Finalmente, o portavoz nacionalista pediu á veciñanza “que queden na casa xenerosamente e que miren de saír o mínimo posíbel”. “É fundamental cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias para atallar esta situación, é o noso contributo ao traballo de sanitarias, limpadoras, transportistas, labregas e empregados de tendas de alimentación, traballadoras do SAF….” concluíu.