Outra especie exótica invasora ameaza o Mandeo: o ganso do Nilo

gansos nilo porto

Gansos do Nilo no porto, fotografiados por Marcos Dopico. Foto do facebook Betanceiros en el Mundo.

Desde que, por cousas do confinamento derivado da declaración do estado de alarma, se pode saír a estirar as pernas unha hora, fan a delicia de cantas persoas pasan polo porto. Son dous, cheos de cores, cuns rechamantes ollos amarelos. Xogando na auga, acicalándose na beira ou pacendo na herba que ocupa o recinto portuario debido ao descenso do tránsito. Protagonizan fotos nas redes sociais, alleos a tan repentino interese por eles. Unha parella de gansos do Nilo, ou oca exipcia.

Trátase dunha especie a medio camiño entre as ocas comúns e os parrulos que estamos acostumados a ver, cunha lonxitude de entre os 63-73 cm e unha envergadura de 1,4-1,5 m e ata 2,5 Kg de peso. Os machos son lixeiramente máis grandes que as femias e viven, de media, uns 12 anos de vida. Xeralmente presentan tons avermellados na súa parte superior- de aí o nome científico, que alude á coloración dos raposos. Aliméntase de sementes, follas, herba e prantas, e ocasionalmente, tamén vermes e outros animais pequenos, mentres que as crías son moi dadas a comer invertebrados acuáticos.

Mais que non enganen as súas cores nin a tranquilidade con que se amañan as plumas tras o baño. Trátase dunha especie exótica invasora, caracterizada por unha grande agresividade cara outras especies do ecosistema e cunha alta incidencia en ataques a sembrados de cereais. Esta “fichado” oficialmente como iso. Desde hai anos figura no Catálogo español de especies exóticas invasoras, que, entre outras cousas, implica a 
“prohibición xenérica da súa posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos, dos seus restos ou propágulos, que puidesen sobrevivir ou reproducirse” e advirte que “en ningún caso, poderanse contemplar actuacións ou comportamentos destinados ao fomento das especies incluídas no catálogo”.

Ao medio natural chegou escapando de zoos, parques e coleccións particulares. E dado que saca dúas niñadas ao ano nas que sobreviven de media uns cinco polos, presenta unha gran capacidade colonizadora. A iso axuda o seu temperamento dominante e agresivo cara a outras aves, o cal provoca o desprazamento de especies nativas. Dado que se introduciu como ave ornamental en Europa no século XVIII, hoxe conta con poboacións asilvestradas en moitos países, entre eles Holanda, Bélxica, Alemaña e Reino Unido. E, por descontado, o estado español.

Probablemente a parella betanceira se vira desprazada do seu lugar de orixe e busca onde establecerse, dado que estamos en plena época reproductora para as aves silvestres. Sería unha noticia fatal para o delicado e comprometido ecosistema do LIC Mandeo-Betanzos. Unha noticia que volve poñer de actualidade a presenza dunha ducia longa de especies invasoras que xa ocupan o espazo- desde eucaliptos ou acacias a visóns e cangrexos americanos, pasando por vespas velutinas, plumachos, varias especies de prantas acuáticas ou os románticos cisnes mudos- e as ameazas que para a súa conservación- e con ela o seu equilibrio e a nosa propia seguridade- representan.

Calcúlase que as especies exóticas invasoras custan cada ano a Europa máis de 12 000 millóns de euros, segundo datos da propia Comisión Europea. O executivo comunitario, considera que a estratexia europea de especies exóticas invasoras debe prestar unha especial relevancia á toma de medidas nos momentos iniciais do asentamento dunha destas especies. Sería, pois, o momento de actuar sobre os gansos exipcios no LIC Betanzos-Mandeo.

O Convenio de Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica, ratificado por España en 1993, recoñeceu a existencia deste problema e estableceu no seu artigo 8. h que cada país asinante, na medida das súas posibilidades, impedirá que se introduzan, controlará, ou erradicará as especies exóticas que ameacen os ecosistemas, os hábitats ou as especies.