Os visitantes de Betanzos reproban o abandono do Casco Histórico

A rúa do Hórreo desde a dos Ferreiros

As estatísticas da oficina de turismo que periodicamente difunde o goberno local para avalar as súas decisións en materia promocional son apenas unha parte da realidade relacionada co turismo na nosa cidade. Recollen consultas de información, anotacións para a embarcación municipal e solicitudes de planos e indicacións de toda índole.

Pero hai unha parte da realidade que se lle escapa a esa estatística. Desde 2016 o Casco Histórico de Betanzos ten dedicada unha entrada nesa especie de enciclopedia turística que é TripAdvisor. A día de hoxe son 109 as reseñas que diversos visitantes deixaron sobre a impresión que a nosa cidade creou neles.

Quen lea esas impresións atopará de todo. Moitas destas opinións escritas resumen as igrexas e pazos da cidade antiga, reproducindo mesmo folletos promocionais e anacos da Wikipedia. Outras advirten da necesidade de “zapatos planos” para percorrer unha cidade que require ir “preparado para subidas e baixadas continuas”. E tamén hai quen recomenda facer plans adicionais para o día que dedique calquera a visitar a nosa cidade porque “nunha hora faise todo”. Claro que tamén hai quen avisa de que “é un deses sitios ao que nunca cansas de volver”.

Abundan, porén, as opinións críticas co estado en que se atopa o Casco Histórico. “Un pouco abandonado polo seu escaso mantemento, pero interesante e emblemático” explica unha persoa que visitou Betanzos hai case dous anos. Outra persoa case recomenda adquirir un casco antes de adentrarse na visita xa que “a pesar de ser unha xoia está moi mal coidado o que fai que perda moito do seu potencial.Casas caéndose balizan a túa visita”.

“Betanzos dos Cabaleiros é, como todas as vilas de rancio abolengo, un dechado de despropósitos urbanísticos, auspiciado, como sempre, por unha clase/caste política de necios e ignorantes señoritos que tratan de venderche a mula enjaezada.
Quen non che coñeza que che compre” reproba outro visitante poñendo mala nota aos gobernos que a cidade tivo. “Unha pena que no comercial morreuse. Se fose político e betanceiro, de calquera cor, estaría avergoñado” secunda outro. A crítica acada aos mandatarios do pasado, ao reparar na Torre do Campo: “Interesante e bonita praza. Cos seus edificios de pedra e as súas galerías brancas tan típicas. Con todo, hai un rañaceos nun extremo que desentona co resto. Como permitiron construír iso…?”

“Cando se nos acabe de caer a anacos valorarémolo…insultante o estado de abandono por parte de xunta e goberno local…aínda asi é digno de ver, non mo quero imginar cun pouquiño de axuda…un diamante por puír” é a impresión que a visita ao centro histórico da capital das Mariñas deixou noutra persoa.

Hai, dende logo, quen lle quita brillo á cidade. “En realidade é un centro con bares, xulgados e pouco máis. Bonito non é pero pódese parar a tomar algo” asegura. Outra persoa, abundando un pouco nesa liña, reproba a falta de sinalizacións nos accesos, tirando de ironía: “alguén, nalgún momento, tenta demostrar que Betanzos non existe. Cando te baixas do tren na estación (Betanzos- Cidade) atópasche un edificio pechado e en ruínas /(moi mal para ADIF) que serve de punto de encontro á chavalería adolescente do lugar.
Nada che indica onde está a cidade e comezas a andar por unha especie de pequeno polígono industrial próximo ao río”.

Denuncian o abandono do Pasatempo

Outro sitio, xunto ao Casco Histórico, que chama a atención aos visitantes é o Pasatempo. Un total de 312 impresións están rexistradas nesta páxina. Realmente, a última delas é o resumo, con variacións e argumentos, de todas as anteriores: “é unha verdadeira pena, como este parque que ten un magnífico encanto, estea nun estado de abandono total. Aínda así, merece a pena a visita”. Unha visita imposible de realizar xa que, desde outubro, o goberno local mantén pechado o parque.