Os Soportais do Campo, sen mesas baixo as arcadas para garantir a distancia de seguridade

Locais hostaleiros na praza do Campo

O goberno local anunciou que os Soportais da praza dos Irmáns García Naveira habilitaranse como paso peonil na súa totalidade. As normativas de seguridade canto á distancia de dous metros entre persoas como consecuencia do coronavirus fai que o Concello tomase a decisión de que os hostaleiros retiren as mesas que tiñan nos Soportais para que poidan transitar en ambos os sentidos os peóns, e evitar así ter que sortear o mobiliario.

Os hostaleiros e hostaleiras, como xa anunciou o goberno local hai uns días, veranse compensados coa ampliación da superficie das súas terrazas a condición de que sexa posible e baixo a premisa de garantir o paso de peóns.

O goberno local habilita estacionamento no Paseo da Tolerancia polo aumento das terrazas no Campo

Neste sentido, a ampliación de terrazas de hostalaría na zona da Cruz Verde e Os Ánxeles levou aparellada a perda de ata 12 prazas de aparcadoiro. Para compensar este número o goberno local anunciou que habilitará desde mañá o Paseo da Tolerancia para poder estacionar, especialmente, os residentes das dúas zonas afectadas pola perda das prazas de aparcadoiro. En total habilitaranse unhas 15 prazas na Tolerancia.

O goberno local reiterou que se trata de medidas excepcionais, tanto a ampliación das terrazas como o aparcadoiro da Tolerancia, encadradas nas actuacións de apoio ao comercio e a hostalaría. Anunciou tamén que a supresión do pagamento municipal por terrazas, dentro do programa de accións de axuda á economía local.