Os “Contos que veñen e van” de Pavís Pavós, o 14 de novembro nos Sábados Miúdos

Unha actividade infantil. Arquivo

“Contos que veñen e van”, o contacontos de Pavís Pavós para nenos e nenas de 0 a 6 anos chega a Betanzos o sábado 14 de novembro ás 12:00 h no Salón azul do Edificio Arquivo dentro do Programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados miúdos.

O espectáculo ten 10 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas dunha persoa adulta. O prazo de inscrición para o estará aberto en www.betanzos.gal (novas>sábados miúdos) desde o 9 de novembro ás 10:00 h ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no correo electrónico ou no teléfono facilitado no momento da inscrición.

O programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados miúdos comprenderá neste ano 2020 nove espectáculos para os máis pequenos e pequenas que ateigarán os sábados de contos, cantigas e lingua para desfrutar en familia. A próxima sesión será o vindeiro sábado 28 de novembro coa proposta “Danza creativa en familia: movemento, apego e lingua” e Xanzá Movemento Eco-creativo.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado nas Oficinas Xerais do Edificio Arquivo, no teléfono 981 770 100 (ext. 2108) ou no enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net.

“Contos que veñen e van”

O espectáculo de Pavís Pavós está cheo de historias de medo, amor, sorpresa, de xigantes e de ananos, bruxas e trasnos, apócemas máxicas, viaxes marabillosas, princesas e dragóns que viñeron voando, pousáronse nas nosas orellas, entraron e agora sabemos historias de medo, de amor, de sorpresa… historias que contan e van pousándose e entrando noutras orellas.