Oito séculos en oito persoas

O compositor García-Picos dá nome ao Conservatorio municipal por iniciativa do BNG

Resumir oito séculos de historia a oito nomes propios é unha odisea. Máis aínda cando se trata dunha historia vizosa, chea de nomes propios e de persoeiros anónimos que se remonta varios séculos atrás do traslado da cidade. Inxusta, por resaltar uns a costa de outros. Titánica, por requirir ponderar biografías en absoluto comparables.

Á Historia de Betanzos asoman nomes sobranceiros que condicionaron a propia historia da cidade, pero tamén o devir do país. Persoas pioneiras en distintos ámbitos que pasan desapercibidas diariamente.

Marcaron o devir do país o triunvirato irmandiño, por exemplo, Xoán Branco, Alonso de Lanzós ou Afonso de Carvalhido. Gravaron para sempre os seus nomes na mellor lírica medieval, como Pero Amigo de Sevilha, Pero de Armea ou Pero de Ambroa e deixaron para a posteridade a cimeira da literatura en prosa galega, como Fernán Martíns. O seu tocaio e contemporáneo Fernán Pérez de Andrade fíxose oco polas súas fundacións por mérito propio, mesmo condicionando quen accedería á Coroa galega e leonesa.

Mulleres bravas e pioneiras, donas de si nun tempo dominado por homes e convencións patriarcais, mereceron pasar á historia, como María a Balteira ou Urraca a Condesa. Santos para a Igrexa, como Santo Toribio, ou testemuños en primeira persoa do devalo do Reino de Galicia e a súa subordinación á coroa castelá, como Pero Pardo de Cela.

Da escuridade do Medievo á “Suma e narración dos incas”, coa que Juan Díez de Betanzos estuda lingüisticamente por vez primeira o quechua e aproximase á análise do grande imperio amerindio desprovisto do eurocentrismo colonizador. Nas antípodas do pensamento encarnado polo misóxino Francisco Aguiar e Seixas de Ulloa un século despois, xa no XVII.

Santo Toribio de Astorga segundo a representación do “Diario Sagrado et kalendario general” (1779)

Naquelas Américas fixeran fortuna os Irmáns García Naveira no remate do século XIX, deixando unha inmensa pegada de doazóns que mudaron para sempre a fisonomía da cidade.

Un XIX que comezara cun xeneral betanceiro, Antonio Quiroga e Hermida, pronunciándose en 1820 anticipando o alzamento de Riego para acabar co absolutismo español e que unhas décadas despois verá como outro betanceiro, Antolín Faraldo Asorey, proclama o dereito de Galicia a se gobernar por si propia e actualiza os anceios de restaurar o Reino que ía ter por arquivo Betanzos para dar acta de nacemento ao que deviu en nacionalismo galego.

Desa estirpe de Faraldo é a xeira das Irmandades da Fala, onde sobresae como decano Salvador Cabeza de León, ou Johan Vicente Viqueira, pero que está chea de nomes propios como Vales Villamarín, Veiga Roel, Salvador Mosteiro, Vía Golpe ou o debuxante Manuel Crestar, de láminas escuras de represión en Betanzos á altura dos Álbums de guerra do gran Castelao.

A bandeira das Irmandades da Fala

É unha historia que recolleron os irmáns Martínez Santiso, liña a liña, que sacaron do prelo en incipientes xornais nomes como García Acuña, e á que poñen banda sonora o neno prodixio Pepito Arriola, que pasmou ás cortes europeas antes da Grande Guerra, e que ten colofón, con acordes de exilio e represión, co inmenso Carlos López García-Picos, e as pinceladas de Elvira Santiso. Gravouno, estampouno e esculpiuno, entre dous séculos e con ecos de varias correntes vangardistas, Jesús Núñez. Outro Núñez, Ricardo, deixárao impreso en celuloide a comezos do século XX. 

Asomarse ás súas biografías explica moitas reviravoltas da historia dunha pequena e grande cidade, dá a entender porque pasou o que pasou e mesmo por que uns contan con recoñecementos institucionais máis ou menos rechamantes e outros ven como ocupan o seu lugar nomes de méritos moito máis discretos pero de maior proximidade ao poder.

Non nos atrevemos, pois, a resaltar oito nomes. Non serái xusto. Convidamos a ler as súas biografías e cada persoa poderá, logo, ponderar quen pode dar nome aos oito séculos de Betanzos sobre o castro de Untia. Porque non só méritos e feitos recoñecidos configuraron esta cidade no seu devir ata a actualidade.