Oito cancións populares sobre Betanzos

Os participantes no encontro. Foto da EMUF

O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senón que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos devanceiros e transmitidas aos nosos descendentes. Dentro deste patrimonio inmaterial a UNESCO identifica tradicións orais, artes do espectáculo, usos sociais, rituais, actos festivos, coñecementos e prácticas relativos á natureza e o universo, e saberes e técnicas vinculados á artesanía tradicional.

A UNESCO engade que este patrimonio cultural inmaterial “é un importante factor do mantemento da diversidade cultural fronte á crecente globalización” e que “contribúe ao diálogo entre culturas e promove o respecto cara a outros modos de vida”.

“A importancia do patrimonio cultural inmaterial non estriba na manifestación cultural en si, senón no acervo de coñecementos e técnicas que se transmiten de xeración en xeración” explican desde o alto organismo da ONU,. que recoñece que “o valor social e económico desta transmisión de coñecementos é pertinente para os grupos sociais tanto minoritarios como maioritarios dun Estado, e reviste a mesma importancia para os países en desenvolvemento que para os países desenvoltos”.

Semella, despois de todo, que a UNESCO ven recoñecer aquela arela dos homes da Xeración Nós, que reivindicaban facer de “Galiza, célula de universalidade” sendo universais desde o local. Desde o propio.

Asomámonos así a unha das múltiples caras do extenso patrimonio inmaterial de Betanzos, unha cidade marcada, en cada cm do seu territorio, pola forte impronta do pasado. Unha pegada que queda eclipsada doadamente- tamén por descoñecemento e desinterese de autoridades- en catro iconos arquitectónicos, pero que ten moito máis patrimonio. Verémolo en oito pezas, oito cancións tradicionais dedicadas ou que aluden á nosa cidade.

Tres pandeiradas tradicionais

Pouco se precisa para unha pandeirada tradicional. Feixes de catro versos, preferentemente octosílabos, e, polo xeral, rima asonante. Con eses modestos ingredientes e un retrouso compóñense as pandeiradas, imprescindibles en calquera romaría ou foliada. O bo que teñen é que, polo xeral, mesmo poden intercambiar as estrofas dunhas melodías para outras, resultando das coplas máis versátiles da nosa rica música tradicional.

Ai veñen os de Betanzos,
ai veñen os de Ferrol,
ai veñen os de Betanzos
para a festa do patrón

E de ir á festa, ao menú para a celebración, temos coplas que resumen o mapa galego a golpe de xantares:

Para bon viño, Ribeiro
Para empanadas, Betanzos
Para berberechos, Noia
Para sardiñas, Rianxo

Para non facer de menos, advertindo, é esta outra estrofa:

Anque che son das Mariñas,
das Mariñas de Betanzos,
anque che son das Mariñas
non che como garabanzos

O Alalá das Mariñas

Falando das Mariñas de Betanzos é obrigado parar neste alalá, din que as pezas máis antigas da nosa música tradicional. Ten sona de ser das máis feitas de toda a nosa tradición, que xa non é pouca cousa, e téñenlle querencia as máis destacadas voces do noso país.

Teño unha casiña branca,
na Mariña, antre loureiros,
teño paz e teño amores,
estou vivindo no ceo

Non nomea Betanzos, nin As Mariñas sequera, pero se as comarcas gastasen himno, sen dúbida sería o himno das Mariñas:

O río dos Caneiros e o cognac

O Mandeo cargado de licor é o sono etílico que atrona cada 18 e 25 de agosto os peiraos e sombras do primeiro dos ríos de Betanzos, e que ecoa nas bodegas de viño do país cando a primavera remolonea con arrincar. E asoma en calquera festa, tarde ou cedo, na que haxa un betanceiro.

A ritmo da Rianxeira, o Mandeo vai cargado de coñá, leva “carballos e follas” e pídese que leve “as linguas murmuradoras”. A copla mesmo dá para a eterna rivalidade coa vila de Sada, que, xa se sabe, “se Sada ten a Terraza, Betanzos ten os Caneiros”.

A que nesta non precisas letra nin vídeo?

Unha cantiga para presumir de horta

A Roda levou por medio mundo unha canción para presumir da producción local. “Patacas novas, repolo de Betanzos e máis cebolas”, un repaso ao mellor da horta betanceira. É outra melodía que non falta nas festas-vodas, bautizos ou comunións incluídas- se hai un brigantino polo medio.

Mais é o retrouso da cantiga. Sábela enteira?

Os Caneiros tamén teñen o seu fandango

Non é música tradicional, pero adoptámola. Cando nos anos 20 a música tradicional galega incorpora, da man dos gaiteiros de Soutelo de Montes e compaña, esta tonada incorporouse con éxito ao repertorio galego.

Non exenta de ironía, a letra do fandango dos Caneiros repasa as peripecias dos romeiros:

Aínda que non digan, xa sei onde van
polas ferramentas que levan na man,
non son ferramentas para ir segar
que son empanadas para ir merendar.

E que orgullo temos, de ser betanceiros
cando embarcamos, para ir os Caneiros
subindo a marea, é facil chegar
volteando á noite, volteando á noite , é fácil volcar. (retrouso)

Con fogos e gaitas agarda a xente
todos aparcados na beira da ponte
van chegando as lanchas, con moita ledicia
todas alumadas, que eparecen día.

Un apropósito que fixo escola

Unha copla dunha representación teatral de comezos do século XX trascendeu a sátira efímera do apropósito e instalouse no imaxinario colectivo. Non será, desde logo, por cantar as virtudes da cidade. Un século despois, aínda sinala vicios, carencias e defectos do Consistorio:

Betanzos historia ten
de tempos atrás
cando non había ninguén
namais que larcháns,
As calles mal empedradas,
os porcos nas alamedas,
os celadores de farra
e os sereos nas tabernas
¡Pobres betanceiros que vai ser de nós!
Sempre traballando para manter lambóns!

Moi parecida, cantouse tamén en As Pontes.