O Xulgado ordena a Naturgy conservar a Fábrica da Luz

Imaxe actual da fábrica. Cedida polo BNG

Novo revés para Naturgy nas súas intencións de demoler o monumento industrial da Fábrica da Luz. O Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 da Coruña acaba de emitir un auto no que obriga de novo á empresa a realizar unha serie de actuacións este mes no inmoble.

Segundo o goberno local, o auto xudicial emítese “despois de que as anteriores actuacións ordenadas polo Concello non se executasen ao non poder ser desenvoltas en ‘condicións de seguridade’, segundo o director de obra contratado pola empresa” General de Edificios y Solares, SL, a división inmobiliaria da antiga Fenosa.

Espoleado pola oposición, o goberno socialista viuse obrigado primeiramente a solicitar a catalogación do edificio e logo a dictar ordes de execución á multinacional. O BNG mesmo chegou a reclamar no Parlamento de Galicia que a Xunta, unha vez declarado monumento o edificio proxectado por Cortón e González Villar, actuase para garantir a súa conservación.

O Concello encargou un informe técnico o pasado mes de marzo, que “advirte da deterioración en aumento do edificio polo paso do tempo, o que fai que a cuberta perdese a súa capacidade de protección respecto á auga e outros axentes atmosféricos, polo que é necesario realizar demolicións, desde o exterior para facelo de forma segura, para evitar maiores deterioracións ou que mesmo se poida chegar a unha situación de irreversibilidad”, detalla o Goberno local. “Por esta razón, incídese na necesidade de actuar coa maior présa posible”, sostén.

Este auto ven sumarse a outro denegando a suspensión da orde de apontoamento do edificio. O goberno local asegura agora, tras dédacas nas que o PSOE bloqueou a catalogación do edificio cooperando no seu proceso de decadencia, que “non se vai a tolerar que a situación continúe igual”. Porén, o executivo socialista mantiña, no plan xeral que a oposición tumbou, a previsión de levantar un bloque de pisos sobre o solar que ocupa a vella factoría eléctrica.