O xogador de fútbol Dani Rodríguez, á agrupación teatral “Mariñán” e á empresa “Adegas Rivas” premios Garelo 2020

O Concello entregará o próximo día 14 de agosto os premios “ Garelos”. En Cultura o premio será para a agrupación teatral Mariñán que este ano cumpre o seu décimo ano de vida. Fai uns 25 anos, foi o profesor de literatura española, Daniel Martínez, quen levou o entusiasmo polo teatro a moitos betanceiros a través dun grupo escolar chamado “ Aveliña” e a creación do colectivo “ Rapsodas”. A partir de aí ideou xunto a outro destacado betanceiro, Xulio Cuns, a Agrupación de Teatro Mariñán como unha solución para que os estudantes que cursasen esta materia no instituto Francisco Aguiar seguisen ligados ao mundo do teatro. Desde entón ata hoxe continúan a súa viaxe polas artes escénicas, co encontro de teatro afeccionado cada mes de febreiro.

En Comercio e Industria o recoñecemento será para “Adegas Rivas”, unha empresa familiar fundada por Santiago Rivas en 1917. A actividade principal da compañía foi a comercialización e distribución de viño a granel e embotellado.

En Deportes, o “ Garelos 2020” será para Daniel Rodríguez Vázquez “Dani Rodríguez”, o futbolista nado en 1988 en Betanzos pertence ao Real Club Deportivo Mallorca co que disputou a liga Santander.

Por último, este ano outorgarase o “ Garelos especial” a Cruz Vermella de Betanzos pola súa colaboración co Concello e polo traballo en distintos ámbitos: como o xuvenil, establecendo estratexias de acción cos mozos a través da educación, a participación e a intervención social con nenos e grupos xuvenís en dificultades ou risco social; en actuacións conxuntas co Concello para colaborar en dispositivos especiais, dentro da área de socorro e emerxencia; ou de formación co desenvolvemento de cursos socio sanitarios.

O goberno non tivo en conta nestes premios ningunha das propostas que o BNG fixo este ano que incluían a asociación de Amigos do Pasatempo, a IXP Viño de Betanzos e o equipo mixto de futsal.