O TSXG confirma que o goberno Barral perdeu outra subvención por xustificala fóra de prazo

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou contra o Concello de Betanzos, que reclamara tras retirarlle a Xunta unha subvención de 10 204 euros para a prórroga da contratación do axente de Emprego e Desenvolvemento Local por período dun ano.

A axuda foi retirada pola Consellaría de Economía en xaneiro de 2019, tras comprobar que o goberno socialista incumprira os prazos que as bases establecían para resultar beneficiario. O fallo declara probado que a resolución establecíaa que o servizo debía iniciarse na data inmediatamente seguinte á finalización do contrato anterior (1 de decembro de 2017) e que tería que xustificarse a máis tardar o 26 de decembro de 2017.

O Concello de Betanzos recibiu un requirimento da Xunta para que achegase a documentación xustificativa. Incumprindo as bases, como considera probado o TSXG, o Concello de Betanzos presentou un contrato subscrito en 1998 e unha comunicación de prórroga de doce meses polo período do 1 de decembro de 2011 ao 30 de novembro de 2012. O Concello alegou que esta subvención prorrogouse anualmente e apunta a un cambio de criterio arbitrario da Xunta.

Porén, a Xustiza bota por terra os argumentos do goberno Barral e considera que o último documento xustificativo de prórroga é de 2011 e que o Concello non xustificou as moratorias posteriores, polo que non pode acreditarse a relación laboral co traballador.

Varias subvencións perdidas por incumprir as bases nos últimos anos

Non é a primeira vez que o goberno local perde unha subvención por obviar os prazos e condicións fixadas nas bases. Se ben a máis sangrante para as arcas municipais foi a devolución dos fondos da Escola Taller Pasatempo, de varias ducias de millóns das antigas pesetas, nos últimos anos perdeuse unha subvención para a contratación de persoal en risco de exclusión social. Tamén unha destinada a mellora da iluminación ou, directamente, evitáronse pedir outras para actuacións ambientais, por citar algúns exemplos.

Por presentar documentación fóra de prazo perdeuse outra axuda para limpeza de viais, unha para actuacións no Casco Histórico e, polo menos, outra para actuacións en materia de igualdade.