O tradutor automático xoga unha mala pasada ás Balconadas

Captura de pantalla do web inzado de erros

En xuño de 2009 uns novos paneis turísticos, en galego, español e inglés, aparecían ao pé dos principais monumentos de Betanzos. Substituían aos anteriores, que colocara en 2004 o BNG e que foran os primeiros que un municipio coa carga histórica e patrimonial de Betanzos colocaba para divulgar o tesouro acumulado durante séculos.

O cambio, aseguraba entón a rexedora, María Faraldo, debíase a que os visitantes non entendían o galego e era imprescindible incluír nos paneis a lingua de Shakespeare. Mais a decisión incluía tamén un fondo revisionismo histórico: desapareceran as imaxes do discurso de Lugrís no palco, de Lorca no cruceiro do Azougue, da proclamación da II República no Concello, as referencias ao Reino de Galicia….

Aos poucos días, o PSOE, na oposición, daba unhas declaracións públicas nas que cuestionaba o “macarrónico” e pésimo inglés dos paneis, froito, como logo se puido comprobar, dun tradutor automático que, entre outras, renomeaba o Campo como “field square”. O voceiro do grupo municipal, Ramón García, e a responsable de turismo socialista, María Barral, poñían na altura cara á crítica.

E dez anos despois, a historia repítese. Non cos paneis turísticos, senón co web en inglés das Balconadas, que fai parte do web oficial do Concello. Outra María na alcaldía, a Barral neste caso, baixo a suposta necesidade de dar información en lingua saxona ofrece un soporte inzado de malas traduccións literais dun procesador automático e cargada de anacolutos.

“Betanzos, medieval town of pedra and galleries brancas, acolle since 1988 to Biennial of Balconadas, an international painting contest that adorns the balconies of all or historic center during or will see. Unha convocation that has history” explica o web oficial do certame pictórico.

O suposto carácter internacional que se lle pretende imprimir ao certame e a suposta profesionalidade do web en inglés quedan en evidencia co tradutor automático, que deixa outras pifias como “Or temporary outline certame Certame, ainda that establishes nas bases of each call and thus can undergo modifications, see unfolded between the months of xuño and setembro, of xeito that during or month of xuño is made to reception of works”.

“Balconadas, cunha average of 130 participant works, Betanzos converted to an open-air museum with centos of works of aesthetics and varied moi in surprising cases. Nela international artists participate from different corners of the world, more than 20 countries” prosegue o web, e así todo.

A versión galega tamén adoece de ter sido producida a partir dun tradutor automático desde o texto orixinal en español e o web así o evidencia.