O tempo que escapa para recuperar o Pasatempo gaña as Balconadas

A balconada premiada

O Pasatempo e o seu estado de ruína agravada por anos sen atención é, sen dúbida, o protagonista absoluto da edición especial das Balconadas deste ano. E a obra gañadora está inspirada, a partes iguais, no decadente xardín enciclopédico e nos reloxos brandos de Dalí, advertindo de que o tempo escorre e escapa para o parque.

Tempus fugit é o título da balconada, que xa pasa a formar parte do patrimonio pictórico do Concello, conforme ás bases. Toda unha advertencia e toque de atención para o executivo socialista e o trato que dispensa á magna obra de Juan García Naveira: o tempo escapa.

O xurado deste ano estivo composto por María Isabel Pintado, como presidenta e directora do certame; Daniel Loza, animador sociocultural do Concello, como secretario; Soledad Penalta, escultora; María Xesús Díaz, pintora; Xulio López Valcarcel, escritor; Manuel Silvestre Visa, artista plástico, e Diana Viacambre, pintora.

A autora da obra premiada é Aída Rodríguez Donoso, nada en Cantabria e asentada en Vigo.  A súa obra impúxose a máis de sesenta que participaron no certame. Oitocentas noites betanceiras, de Miriam Loidi, e Orixe, de Juan Carlos Platis, lograron os accesit.

As mencións de honra recaeron en O globo, de Rocío Osorio, Doce, dun grupo de alumnos do Francisco Aguiar e Benvida ao Castro de Untia, de María del Rocío Ramos.