O secretario de Betanzos toma posesión como secretario de Lugo

O pazo municipal

O Concello de Betanzos está outra vez sen secretario. O habilitado estatal que viña desempeñando o cargo nos últimos anos, Rafael del Barrio Berbel, acaba de tomar posesión como secretario xeral do pleno do Concello de Lugo. Del Barrio, titular da secretaría de Guitiriz, ocupaba en acumulación de tarefas a praza de secretario de Betanzos desde que o anterior titular, Cristóbal Fraga, marchara do Concello para tomar posesión como secretario xeral do Concello lucense.

A súa marcha obriga ao goberno local a solicitar á Dirección Xeral de Administración Local a cobertura da praza, ben en acumulación de tarefas como ata agora ou ben coa selección dun novo secretario xeral para o municipio.

A vacante na secretaría do Concello coincide coa demora na licitación do novo contrato do servizo da axuda no fogar, que a alcaldesa Barral prometera realizar por trámite de urxencia xa que o actual contrato expira o vindeiro día 23, e de non ter unha nova empresa todo parece indicar que haberá que outorgar unha das prórrogas previstas no propio contrato, algo que María Barral prometera non facer.