O PSOE xustifica que non licitou o SAF por “complexidade”, mentres o PP pide explicacións e o BNG a rescisión do contrato

Unha concentración das traballadoras do SAF

A sesión plenaria deste serán debatirá catro mocións, todas da oposición. Os edís do PSOE evitaron presentar calquera iniciativa, nin como goberno nin como grupo político, e a sesión ten toda a traza de se convertir nun monográfico sobre a enésima crise no servizo de axuda no fogar (SAF),

Tanto PP como BNG presentaron senllas iniciativas sobre o tema, pedindo que se cumpran os acordos de rescisión do contrato ante máis incumprimentos por parte dos nacionalistas e exixindo a comparecencia da responsable dos servizos sociais- a propia alcaldesa, que non cedeu a área a ningún dos outros nove edís do PSOE- no caso dos conservadores.

Cercado polas críticas e as queixas dos usuarios, que o propio executivo local cifra en 21 escritos de protesta nas últimas dúas semanas, o goberno Barral trata de sacudirse a responsabilidade anunciando que remitiu outra comunicación á empresa demandándolle que axuste o servizo ao contrato.

Segundo un comunicado remitido polo executivo local, o Concello trasladou á empresa a intención de abrirlle un expediente sancionador. O comunicado evita en todo momento, malia ofrecer supostas citas textuais dalgún voceiro do goberno, poñer nome propio a esas declaracións, evitando relacionar á alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, María Barral, coa pésima calidade dun servizo do que é responsable directa desde hai 9 anos.

PP: “de aquellos polvos estos lodos”

Cecilia Vázquez é a voceira do PP

O PP lembraba recentemente que “en abril, la oposición presentamos una moción conjunta para instar a la rescisión del contrato a la adjudicataria del Servicio de Ayuda a Domicilio: el Gobierno local votó en contra, para la alcaldesa y su equipo estaba todo bien”.

Por este motivo, exixirán a comparecencia de María Barral para que aclare que medidas pretende tomar para que o servizo non quede desatendido tras esgotarse o contrato e que fórmulas baralla para garantir unha solución temporal.

Os conservadores, ademais, anunciaron que apoiarán a moción do BNG que demanda executar todos os acordos relativos á rescisión do contrato acordados polo pleno.

BNG: “María Barral ten que demostrar con feitos se está do lado das persoas usuarias do servizo”

Imaxe dunha rolda de prensa do BNG con traballadoras do SAF

Para os nacionalistas, “pasou o tempo dos anuncios e as palabras, María Barral ten que demostrar con feitos se está do lado das persoas usuarias do servizo prexudicadas pola actitude da empresa ou se, pola contra, segue poñéndose de perfil para favorecer, coa súa inacción, á empresa”.

Recordan que “o último mes volveron rexistrarse días en que a empresa deixou a varias persoas sen atender, sen que se adoptasen medidas efectivas contra este novo incumprimento”. Neste sentido, lembran que o Pleno, como órgano de contratación que é, acordou en abril poñer fin ao contrato a causa dos graves incumprimentos rexistrados nos últimos meses.

O PSOE deixa agotarse prazos para licitar o servizo por “complexidade”

María Barral é a concelleira de Servizos Sociais ademais de alcaldesa

Apelando á complexidade de sacar a concurso un servizo coma o presente, o goberno Barral deixou esgotarse os prazos para ter contratada unha nova empresa no intre en que expire o actual contrato, o vindeiro día 23 de setembro. Porén, evitou tamén valorar a xestión directa do servizo, demandanda pola Corporación durante o pasado mandato como alternativa á mala calidade do servizo privatizado.

Tras estourar a última crise sobre o SAF as semanas precedentes, o goberno Barral asegurou que non prorrogaría o contrato coa actual firma concesionaria. O PSOE xustifica o atraso apelando á complexidade técnica e asegura que sopesa alternativas.

“Sabemos que os trámites levan os seus prazos legais, pero os servizos administrativos municipais son coñecedores da situación e a necesidade de axilizalos e acurtalos ao máximo para poder adxudicar o servizo canto antes”, sostiña onte nun comunicado.

Porén, segundo palabras da propia María Barral, o goberno estaba convencido de non prorrogar o contrato coa actual concesionaria desde hai máis dun ano, tempo máis que suficiente para ter licitado unha nova xestión.