O PSOE xa anunciou a redacción dun novo PEPOCH hai 4 anos

Conta atrás na praza, con posado do goberno local. Ao fondo, a ruína do Casco Histórico, para o que corre en contra o tempo.

Hai exactamente catro anos, o 9 de febreiro de 2015, o goberno do PSOE anunciaba que postergaba a aprobación do PXOM ata despois das eleccións. O goberno local, no que era flamante número 2 a actual rexedora, aparcaba a súa promesa estrela tras recuperar o poder en 2011 para evitar o desgaste electoral dun plan xeral.

Naquela altura, logo de varios episodios de derrubamentos e na pelexa coa Xunta para que iniciase o amaño das súas casas a caer na zona monumental, o goberno do PSOE sacaba da chistera o compromiso de redactar un novo Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico con “actuacións en materia de equipamentos e infraestruturas” no corazón da cidade para convertela nun enclave “máis atractivo”. Segundo o comunicado remitido polo gabinete de prensa municipal, o alcalde xa tiña encomendada a redacción dos pregos para sacalo a concurso.

O anuncio realizado polo goberno do PSOE ás portas das eleccións municipais para sortear as críticas por non facer nada en 4 anos na conservación e rehabilitación da zona monumental non se cumpriu. TA contratación do que finalmente foron “traballos previos” á redacción do PEPOCH faríase no 2017.

A adxudicación aínda demoraría ata o 6 de xuño.
A xunta de goberno local, na que sentan todos os edís do PSOE agás o de Urbanismo, adxudicou á empresa Centro de Observación e Teledetección Espacial, Cotesa, o servizo de asistencia técnica os traballos previos de redactar o PEPOCH por 50 620 euros. O goberno socialista optou por externalizar este servizo a pesar de contar no cadro de persoal do Concello con dous arquitectos, dous arquitectos técnicos e dous delineantes. Segundo o prego do contrato, a empresa faría a recollida e tratamento de datos e a redacción do novo PEPOCH será, sen embargo, a conta dos propios técnicos municipais.

Os traballos aínda incumprirían os 15 meses que o prego prevía e alcanzarían, con prórroga, ata o 29 de novembro do pasado ano. O pretexto do executivo local para saír do paso do seu propio incumprimento de prazos e promesas era, nesta altura, que os traballos inclúen unha superficie maior que o anterior PEPOCH ao ampliarse o ámbito de protección- algo que o propio prego da licitación xa deixaba en evidencia. O PSOE pretextaba nun novo comunicado oficial que estas edificacións agora incluídas “non foran avaliadas” no documento de 1992 e atribuíu a isto a demora na execución dos traballos.

Agora, cercado outra vez polos derrubamentos de vivendas en ruínas ás que non se mete man- unha das casas, segundo o goberno local, tiña expediente aberto, pero a outra non- o goberno local volve anunciar que sacará a redacción o PEPOCH.

Repetindo exactamente a situación de hai catro anos e acumulando xa 8 anos sen afrontar solucións nin ao proceso de ruína do Casco Histórico nin á controversia sobre a mobilidade na zona monumental que incentivou o propio PSOE.