O PSOE presenta un orzamento de 9,5 millóns que dispara as subvencións a dedo e as privatizacións, di o BNG

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

Betanzos manexará en 2020 un orzamento de 9,5 millóns de euros, segundo a proposta que a pasada semana remitiu o goberno local aos grupos da Corporación. Deles, segundo o goberno local destaca nun comunicado, máis de catro millóns de euros son para os salarios do persoal municipal e os concelleiros do goberno, na liña do que o Ministerio de Facenda reseñara en 2018.

Gasto corrente- o destinado a subministros e contratos con terceiras empresas- lévase 3,5 millóns de euros, que segundo o goberno local ven “incrementándose de maneira notable, en máis de 400 000 euros” con respecto ás anteriores contas, de 2017. É unha das consecuencias do aumento do custo do Servizo de Axuda non Fogar ( SAF), asegura o executivo.

Con 7,6 millóns de euros destinados á propia Administración e o seu funcionamento, apenas quedan 1,9 millóns de euros para outros gastos. Así, os investimentos redúcense a menos dun millón, e para o caso son aportacións a inversións que realizan outras Administracións, como os 586 579 euros a mudar o alumeado a tecnoloxía led, onde o Concello só aporta 113 715 euros e o resto corre por conta de fondos europeos. Contémplanse 140 226 euros para o cambio de saneamento na Eira Vella que está pendente desde 2016 e financia a Deputación. O mesmo sucede cos 237 163 euros do cambio de servizos nas rúas Paio Formoso e Manuel Naveira, doutro Plan Provincial que o goberno socialista foi incapaz de executar no seu ano.

Co investimento centrado exclusivamente nas aportacións doutras Administracións, o goberno Barral aseguraba que prevé sumar máis investimento co Plan Único desde 2020 (algo máis de 400 000 euros) e espera sumar novos investimentos como O Pasatempo ou a senda aos Caneiros, “que incrementarán, de maneira significativa, o investimento de 2020, con outras colaboracións que poidan chegar, esperemos, da Xunta”, especula o goberno Barral.

Do restante, o goberno local eleva aínda máis os fondos que entrega directamente, mediante convenios nominativos, ás entidades que elixe o propio goberno local. Entre elas, suben as asignacións ao CIEC- que pasará a levarse 20 000 euros ao ano- ou créase unha liña para a Fundación Globo de Betanzos- con outros 20 000 euros, o que supoñerá incrementar o custo do aerostato desde os máis de 17 000 actuais.

O BNG denuncia que se elevan as subvencións “a dedo” e as privatizacións de servizos

O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun acto no Cantón. Foto Arume

No que tivo na súa man as contas e deu unha primeira lectura, o BNG pediu ao goberno local que rectifique a súa proposta de orzamento para o ano 2020. “Trátase dun orzamento onde aumenta o gasto en subvencións “a dedo” e en empresas privadas e se reduce o xa escaso investimento”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río. “Nas bases de execución da proposta de orzamento para o vindeiro ano o goberno local incrementa até os 168905 euros os gastos en subvencións nominativas mentres leva desde o 2017 sen convocar as subvencións ás que todas as entidades poderían optar”, explicou o portavoz nacionalista. “Do Plan de subvencións que esixe a lei e que se comprometeron a elaborar hai 2 anos non volvemos saber nada”, engadiu, “ademais retíranlle a subvención nominativa á ANPA do CEIP Vales Villamarín, despois de crear outra asociación que xestione as actividades extraescolares”.

“Os gastos en servizos privatizados son escandalosos chegando aos 2.056.685 euros e segue medrando ano tras ano”, criticou o portavoz do BNG. “O goberno local ten que aclarar se realmente vai defender os servizos públicos de calidade ou se como levan facendo os últimos anos vai seguir apostando polas privatizacións. Actualmente temos privatizados a maioría dos servizos, desde o cemiterio ao mantemento de zonas verdes e desde o saneamento e a auga até a participación cidadá, e a realidade é que non temos mellores servizos máis ben o contrario, funcionan peor ano tras ano e sáennos máis caros a todos e todas”, explicou Del Río.

“Ademais é un orzamento onde botamos en falta un esforzo en investimento. O pouco investimento municipal é o co orzamento que facilita a Deputación a través do POS mentres temos Betanzos e as nosas parroquias cada vez máis abandonados e o noso patrimonio a caer”, indicou o portavoz do BNG. “É inadmisíbel que tendo o Pasatempo pechado e a caer por exemplo non se faga un esforzo por parte do Concello que ademais é o propietario do Parque para reverter a situación, por iso pedimos ao goberno local que rectifique e presente un orzamento con altura de miras, con investimento no noso patrimonio que aposte polos servizos públicos de calidade e que trate a todos os veciños e veciñas en igualdade de condicións”, concluíu Del Río.