O PSOE culpa á Xunta do PP de non recibilos para falar do edificio do clube de piragüísmo

Andrés Hermida e María Barral nunha comparecencia. Imaxe do Concello

O goberno local emitiu un comunicado criticando a Portos de Galicia por requirir documentación adicional para a cesión do edificio náutico do porto “o mesmo día, media hora despois de recibir o organismo o escrito oficial de solicitude de entrevista”. O PP betanceiro desvelara, cando o goberno Barral anunciou que pedira a xuntanza, que o PSOE non solicitara correctamente a cesión do inmoble.

O executivo Barral amosa a súa “sorpresa” porque ambas comunicacións coincidan no tempo. Andrés Hermida, edil de deportes, abunda na “casualidade” de que “Portos lle pide ao Concello unha documentación a unha petición de cesión do edificio que se produciu hai catro meses, en abril deste ano”.

Segundo este edil, tempo “tiveron máis que suficiente para poder trasladar esa petición de documentación ao Concello sen esperar a facelo xusto o mesmo día que o goberno local solicitaba unha reunión coa nova presidenta do ente”.

O comunicado do Concello asegura que Andrés Hermida sostén que “axilizará os trámites” xa que “xa se perderon outros catro meses polo atraso na contestación de Portos de Galicia, resposta que sen a solicitude de entrevista coa súa presidenta, a día de hoxe, dubido moito que aínda recibísemos”.

No comunicado de prensa no que fai estas aseveracións Hermida anuncia que “porá ao tanto de todas estas xestións ao club”, segundo el o “máis prexudicado deste novo atraso por parte de Portos”.

A estratexia de permanente conflicto coa Xunta foi unha constante nos dilatados mandatos de Manuel Lagares (PSOE) no Concello e Manuel Fraga (PP). Semella que agora o executivo local pretende reproducir este enfrontamento.