O PSOE culpa á Xunta da situación do clube de piraguismo no edificio do porto

O porto betanceiro

O goberno municipal reabre a fronte coa Xunta. Se a pasada semana era unha misiva da alcaldesa a Feijóo mentándolle o Pasatempo e o colexio, esta semana tócalle ao edil de Deportes a conta do edificio do clube de piragüísmo no porto.

Nun comunicado de prensa que seguiu á epístola o executivo local asegura que a intención é retomar as “negociacións” para lograr a cesión do edificio. Andrés Hermida pide unha xuntanza coa nova presidenta de Portos de Galicia demandando dar “os pasos necesarios para que por parte de Portos de Galicia se cedese a titularidade das instalacións ao Concello e así evitar que esta entidade teña que afrontar un gasto anual duns 12.000 euros“.

En febreiro pasado o goberno local mantivera unha xuntanza co anterior presidente na que, sostén o PSOE, se deseñou unha estratexia para que o edificio pasase a control municipal.

O PP asegura que o PSOE tramitou mal a solicitude

O PP saíu ao paso do comunicado do executivo socialista. A formación explica que a tramitación municipal fíxose de forma incorrecta. Aseguran que Portos reclamaron ao consistorio máis documentación alén da mera solicitude presentada hai catro meses.

Por ser unha transmisión dunha concesión en dominio público portuario, o PP asegura que hai que empregar uns formularios dispoñibles no web e unha declaración do cumprimento dos requisitos para conseguir unha exención de taxas.

O goberno local reclamaba ao clube por IBI 9000 euros a través da Deputación

O convenio polo que o CN Ría de Betanzos ocupa o edificio construído no porto prevé que quen goce dunha concesión de dominio público abonará un canon á autoridade portuaria e farase cargo dos tributos que pesen sobre o inmoble.

Cando estalou a polémica o goberno local tratou de botar sobre a Deputación a responsabilidade de reclamar 9000 euros en tributos a maiores do canon que Portos exixe á entidade deportiva. Mais os cartos que a Deputación exixía eran tres anualidades do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), un tributo municipal popularmente coñecido por contribución, cuxo cobro Betanzos ten delegado na Deputación a cambio dunha porcentaxe.

O pleno, de maneira unánime, respaldou en decembro de 2018 que o executivo local se entendera coa Xunta para poñer fin ao canon.