O PSOE contrata “de urxencia e emerxencia” outra empresa para o SAF

María Barrral, no centro, nun Pleno

O goberno municipal comunicou onte aos portavoces da oposición que viña de contratar unha nova empresa para facerse cargo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), logo de ser incapaz María Barral de forzar a Tu Mayor Amigo a manter o servizo ata que se resolva o novo concurso, como publicamente se comprometera. A empresa elixida polo goberno socialista é SIAD 24, seleccionada, segundo afirma o goberno local, de maneira verbal. Un extremo que Barral e o seu equipo amparan nunha contratación “urxente e de emerxencia”, aínda que non convence ao BNG, que ironiza nun comunicado de prensa con que “non hai emerxencia, hai icompetencia” na resolución deste conflicto.

O executivo local anuncia agora outro expediente sancionador á anterior empresa por deixar de traballar “en contra do criterio dos servizos técnicos municipais” xa que afirma que a concesionaria tiña obrigación de continuar atendendo o SAF ata que culminase o concurso actualmente aberto para seleccionar outra prestataria. O goberno Barral asegura que mantivo “reunións con distintas empresas do sector, unha negociación complicada pola falta de tempo para buscar alternativas e a imposibilidade de promover unha concorrencia competitiva, tendo en conta que o procedemento de licitación xa está en marcha”.

“Nesa negociación verbal con distintas empresas, chegouse a un principio de acordo con SIAD 24 SL para que pase a subrogarse no contrato de maneira ‘urxente e de emerxencia’ para que asuma a continuidade do servizo nas condicións estipuladas nos pregos aprobados na licitación que está en curso”, sinala o executivo. A pertinencia desta contratación de urxencia e emerxencia, que a lexislación reserva a casos como catástrofes naturais, a alcaldesa María Barral xustifícaa en “razóns de interese público, xa que é un servizo esencial que afecta á saúde das persoas dependentes e que non pode deixar de ser prestado en ningún caso”.

“A firma conta cunha dilatada experiencia no sector e é prestadora de servizos similares noutros concellos da comarca”, afirma o goberno local para defender publicamente a selección realizada de maneira verbal. A empresa provisional foi contratada por 19 euros a hora os días laborables e 22 euros a hora os festivos (sen IVE),mentres que o contrato anterior establecera 11,26 a hora laborable ordinaria e 13,99 os festivos (IVE incluído) e na nova licitación o prezo establécese en 20,54 euros a hora laborable para dependencia, 23,56 a hora en festivos e 19,99 a hora básica, co IVE incluído.

O BNG critica que agora o goberno local cambie de criterio e contrate a dedo unha nova empresa para o SAF

Henrique del Río, portavoz do BNG, nun pleno

O BNG  cuestionou que o goberno local acabase contratando a dedo unha nova empresa para xestionar o servizo de axuda no fogar (SAF) sen valorar de maneira rigorosa a xestión directa do servizo. “O PSOE, e nomeadamente María Barral, tiveron tempo máis que de sobra para solucionar este problema e non fixeron nada, e agora tarde, mal e a rastro saen con esta nova contratación” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. As nacionalistas cuestionan que o executivo socialista leve “anos dando bandazos, paos de cego e mantendo un problema que eles crearon e permitiron ir a máis, por pura incompetencia”. “Agora, as consecuencias de todo isto pagámolas todas as veciñas”, relata Del Río.

“Hoxe reuníronnos para darnos conta de que a alcaldesa decidira contratar unha nova empresa, sen seguir para nada canto establece a Lei de Contratos”, relata o edil do BNG. “Amparan esta contratación a dedo, sen expediente, en que é unha contratación por emerxencia, como se houbera un desastre natural, cando o que hai neste caso non é emerxencia, é incompetencia” ironiza o portavoz municipal nacionalista.

Remarca que “con esta decisión que hoxe nos comunicaron, xa tomada, o PSOE está facendo o contrario ao que acordou o Pleno o martes pasado, aínda non hai unha semana, cando tamén nos obrigaron a tomar unha decisión sen poder mirar antes documentación nin informes técnicos”.

O goberno incumpriu os acordos de sancionar á concesionaria e de rescindirlle o contrato

“E todo isto é contrario, á súa vez, tanto ao acordo de rescindirlle o contrato á concesionaria, Tu Mayor Amigo, que tomara o Pleno como órgano de contratación que é e que a alcaldesa non cumpriu” abunda o voceiro do BNG. “E contrario tamén ao acordo do Pleno como órgano de contratación de abrirlle un expediente sancionador á empresa, que a alcaldesa deixou caducar por non resolvelo”, denuncia.

“O PSOE fixo neste tema exactamente o mesmo que fixo durante anos co contrato da ORA, dar voltas, excusas, esconderse en informes e técnicos para manter unha situación de prexuízo para a veciñanza, sen defender os intereses das betanceiras”, denuncian as nacionalistas.

Prezo distinto ao contrato en vigor e ao que está en licitación

“E agora pagaremos dúas empresas, o que resta por pagar de esta e a que contrataron cun procedemento de dubidoso encaixe legal para que empreste servizos a partir de mañá”, advirte Del Río. O nacionalista explica que, coa información que a alcaldesa ofreceu esta mañá dun acordo que xa tiña pechado, “este contrato a dedo, ademais, terá un prezo distinto ao que estaba en vigor, pero tamén ao que está agora mesmo en licitación”.

“A nós todo isto créanos moitas dúbidas, non lle vemos encaixe legal cos datos que temos e a ver se dunha vez o goberno local nos entrega toda a documentación que comprometera para ver que pasos tomar”, relatan desde o BNG. “Veremos dentro duns meses se esta nova empresa non acaba como adxudicataria do servizo tras utilizar como aval de capacidade técnica precisamente este contrato a dedo”, ironizan.

“O que semella claro é que o goberno local pregouse en todo momento aos intereses da concesionaria do SAF: primeiro consentindo os seus incumprimentos, mirando para outro lado, non sancionando, non rescindindo, e agora permitíndolles irse de rositas” engaden. “Un desastre a xestión deste servizo que están pagando usuarias e traballadoras” resume Del Río.