O PSOE brigantino desculpa agora investimentos que reclamaba nas contas do Estado de 2018

Barral nun acto de campaña co edil de persoal, Diego Fernández, e o actual senador do PSOE, Antonio Vázquez Lorenzo

En maio de 2018 as Cortes Xerais aprobaban os últimos orzamentos do goberno Rajoy. Unhas contas que, en palabras do secretario xeral do PSOE en Galicia, Gonzalo Caballero, supuñan “unha labazada do PP aos galegos”. Os socialistas betanceiros, mesmo utilizando empregados do Concello, anunciaron unha batería de emendas para mellorar o trato do último goberno do PP coa cidade. Unhas emendas que o Concello, a pesar do seu anuncio, non podía facer e fixo o PSOE.

Así as cousas, naquela altura o PSOE brigantino reprobaba que dos 500 000 euros que os orzamentos do PP dedican á mellora do ferrocarril, na súa maior parte fosen  postergados en exercicios vindeiros. Os socialistas, por boca do máximo responsable comarcal e número dous do executivo betanceiro, estimaban tamén que as actuacións que Adif prevía na altura no paso inferior de Oza dos Ríos non finalizarían ata o 2019- están aínda por comezar malia o reproche que lanzaba o partido que leva dous anos gobernando desde Madrid.

O PSOE anunciou tamén nalquel momento que presentaría emendas parciais para a mellora da seguridade viaria na N-VI e N-651 ao seu paso por Betanzos na zona das Angustias e no casco urbano. Outras foron a reforma do antigo ambulatorio para dedicalo a centro de día ou a adecuación do edificio dos Sindicatos da Avenida da Coruña, actualmente tapiado por indicación, precisamente, do goberno do que Diego Fernández fai parte.

Tamén reclamaban un estudo para a construcción dunha variante que conecte a N-VI con Bellavista. Unha estrada que, María Barral volvería anunciar e prometer en plena carreira cara os comicios municipais a pesar de que o proxecto fanado das contas do 2019 non recollía. Na análise das contas do 2018 para Betanzos e a súa comarca, PSOE e BNG coincidían na ausencia de grandes partidas para o tren, as estradas e outras infraestruturas pendentes.

Os primeiros orzamentos do PSOE e Podemos supoñen 104 millóns menos cá as últimas de Rajoy para Galicia

Apenas ano e medio despois, o PSOE cala e agacha a cabeza. As primeiras contas de Pedro Sánchez consolidan unha caída do investimento territorializado para Galicia do 11% e unha caída de 104 millóns de euros en relación cos últimos orzamentos aprobados en 2018 polo Partido Popular. Resumíao o voceiro nacionalista no Congreso ao indicar que estas contas representan unha caída do investimento de 104 millóns en relación cos orzamentos de Montoro do ano 2018. “Estes son os peores orzamentos en 17 anos” sinalou.

Para o nacionalista, o investimento en Galicia cae “un 11% os investimentos cando global-mente soben máis do 68% e tamén o fan na maioría das Comunidades Autónomas, mesmo por encima do 45%. “Terá que explicar Gonzalo Caballero por que en 2018 cualificaba os orzamentos de Montoro como “unha labazada do PP aos galegos” e agora estes, con 104 M€ menos lle parecen estupendos” enfatizou Rego.

As contas para as que PSOE e Podemos xa amarraron apoios abondo non contemplan fondos para actuacións de seguridade viaria na N-VI e N-651, que hai dous anos demandaban ao PP os socialistas betanceiros. Nin sequera para o xogo de rotondas anunciado hai uns días pola alcaldesa. As melloras no tren quedan a unha partida de 120 000 euros para o bypass en Infesta, unha contía que Diego Fernández, home forte do goberno Barral desprezaba hai dous anos por postergarse a anos vindeiros e repetirse sen chegar a investirse nunca. O PSOE fai agora o que o PSOE criticaba hai ano e medio.

A rexeneración da ría non merece un euro. Lonxe dos 200 000 euros para intervencións que demandaban hai uns anos os socialistas aos populares. O mesmo acontece coa reforma do antigo ambulatorio para dedicalo a centro de día ou a adecuación do edificio dos Sindicatos que protagonizaban en abril de 2018 emendas do PSOE brigantino. Agora directamente desaparecen, e o plan do goberno de Pedro Sánchez é, en lugar de devolvelos aos betanceiros, facer caixa con eles e venderllos ao Concello.

O BNG cuantificou en 18 millóns todas estas actuacións ao presentar as súas emendas parciais ás contas, se ben todo agoira que o PSOE votará en contra das cousas que pedía hai ano e medio desde Betanzos. Antepoñendo os seus intereses aos dos seus representados. O pasado luns, para salvar a posición, os socialistas apoiaron unha moción do BNG que pedía que o Concello demandase ao Estado todos estes investimentos, respaldando as emendas que as nacionalistas presentaron neste sentido. Saíu adiante por unanimidade.