O PSOE arremete contra o PP por criticar os actos do 800 aniversario

Un intre do acto

Cun comunicado inzado de descualificacións respostou onte o PSOE ás críticas proferidas polo PP á organización e lista de convidados dos actos do pasado día 13 na praza do Concello. Se a dereita criticaba a ausencia do exconselleiro Jaime Pita, para o goberno local “nin tan sequera o PP cando gobernou entre 2007/2011 fíxolle distinción algunha. Si a tivera, evidentemente, estaría invitado ao acto como ocorreu co resto de personalidades”.

Para o PSOE- que quixo patrimonializar desde o primeiro momento este evento- as críticas do PP aos actos son unha “pataleta” que “para nada reflicte a realidade” do acontecido xa que, aseguran, “os primeiros en felicitar ao Concello publicamente polo acto e o seu protocolo foi a propia Xunta coa que, do mesmo xeito que con protocolo da Deputación da Coruña, supervisouse horas antes todo o acto”.

O PSOE asegura na súa nota que quen redactou a nota de prensa crítica do PP “non estivo no acto ou, se estivo, non se decatou do mesmo ou, de forma perversa, para minusvalorarlo, pretende facer ver outra cousa” diferente. Así, cuestiona a censura á ausencia da banda municipal, das danzas gremiais ou de entidades representativas.

“Criticar que o 13 fose festivo logo de aprobalo en Pleno, reflexa que o PP non sabe por onde anda por esa bicefalía que mantén entre unha candidata que quere estar pero non pode, cun profundo descoñecemento da vida municipal, e un portavoz que nin está nin se lle espera” aseguran desde o PSOE elevando o tono das descualificacións.

Postos a arremeter contra o PP, o PSOE asegura no seu comunicado que Núñez Feijoo foi o único que fixo un discurso que “chirriou” ao facer un “mitin electoral” que, porén, aplaudiron os edís socialistas como amosan as imaxes do evento.