O PSOE anuncia que comprará a casa sindical e o PP critica que non se ceda gratis

O goberno local anunciou que comprará a Casa Sindical, ubicada nunha esquina do Parque Pablo Iglesias, a carón da N-651. O Ministerio de Traballo e Seguridade Social exixe por ela 335 000 euros, baseándose esencialmente no “valor catastral do terreo”. O goberno español ábrese a que o pago non sexa efectuado directamente, senon retirando a cantidade durante dez anos do que lle corresponde a Betanzos da participación nos tributos do Estado.

A alcaldesa, María Barral, viaxou a Madrid para entregarlle en man unha taxación municipal a responsables do Ministerio. Os servizos municipais valoran o inmoble en 165 000 euros, “sensiblemente inferior” segundo a rexedora. Valórase nesta taxación o estado de abandono do edificio e o feito de ter cedido o municipio o solar.

Solar cedido polo Concello para Casa Sindical

O Concello cedeu a parcela na que se asienta o edificio en sesión plenaria do 14 de maio de 1958, cando acordou incoar expediente de cesión gratuíta da parcela a favor da entón Delegación Provincial de Sindicatos “para a construción da Casa Sindical” de Betanzos. A parcela era parte do actual parque de Pablo Iglesias (antigamente, segundo as actas municipais, parque público da Ponte Nova), do que foi segregada, e estaba valorada en 10 000 pesetas, segundo consta en acta notarial do 25 de outubro de 1958.

O PP critica a compra a cegas e exixe a cesión gratuíta e o PSOE replica con descualificacións e vaguidades

O PP de Betanzos criticou a decisión do Goberno local de adquirir o antigo edificio de sindicatos por un cantidade aínda por definir. A portavoz do PP, Cecilia Vázquez, insta a negociar a cesión gratuíta “a cambio do seu arranxo e mantemento” e lembra que os terreos sobre os que se levantou o edificio foron cedidos polo Concello. Acusan aos socialistas de pretender “empeñar a economía local” sen “saber a que vai destinar” o inmoble e “cando ten edificios municipais sen manter ou no máis completo dos abandonos”.

O PSOE saíu pola vía da descualificación. Acusou ao PP de criticar por “ignorancia” e asegura que xa pediu sen éxito a cesión gratuíta do edificio. O PSOE asegura que non é certo que non dispoña dun proxecto de uso: “se consultase os acordos municipais, quedaría claro. É para uso sociocultural e de servizos municipais”, replican os socialistas sen aclarar exactamente o uso ao que destinarían o edificio, pois con esa ampla definición collen desde as oficinas do Concello ata unha escola infantil.

O PSOE dálle por boa a Sánchez a venta que criticou a Rajoy

O criterio do goberno español segue sendo o mesmo co PSOE que cando o ocupaba o PP: facer caixa coas propiedades públicas que ten e non utiliza en lugar de facilitar o seu uso. Cando gobernaba o PP, o executivo local do PSOE criticaba esta pretensión de cobrar por edificios construídos cos impostos dos betanceiros e sobre solo público pagado tamén polos veciños.

Agora, co PSOE no goberno español, o executivo socialista brigantino dá por bo que se pretenda ingresar máis dun cuarto de millón de euros polo edificio levantado nun recanto do parque. A Rajoy exixíanlle a cesión gratuíta.