O PSOE anuncia o primeiro “camiño seguro” tras seis anos de demandas

Obras no colexio

Desde 2013 leva a Corporación municipal aprobando acordos para crear camiños seguros cara os centros escolares. Seis anos os que o goberno local, para desesperación de oposición e ANPAs, demorou, parapetado en supostos informes técnicos, a execución de algo tan simple como unha senda sinalizara para o tránsito escolar.

E xusto o día en que o BOE publica a convocatoria das eleccións municipais, o executivo do PSOE anuncia que creará o primeiro camiño seguro. Transcorrerá desde a praza de Alfonso IX ata o CEIP Vales Villamarín, ao longo de 850 metros ao longo de tres vías de titularidade municipal.

Nelas, anuncia o goberno local, sinalizará con imaxes de parrulos este trazado, nunha actuación que non semella ter ningunha complicación con outras administracións nin con grandes investimentos alén do reforzo de sinalización e reforzo das medidas redutoras de velocidade xa existentes na avenida do Carregal.

Hermida anuncia obras no límite da campaña

O edil de educación, Andrés Hermida, anunciou esta actuación no Consello Escolar e comprometeu que o estenderá nunha segunda fase ata o Campo, noutros 180 metros de vías exclusivamente municipais. Para este anuncio, o executivo socialista demorou seis anos a execución desta demanda.

Xa en clave electoral, Hermida tamén vendeu no Consello Escolar a “inminente” contratación das obras do patio cuberto para o aulario de educación infantil.