O PP recupera o Rajoy de plasma para o seu mitin no Alfonsetti

Panorámica do Alfonseti durante o acto. Foto do facebook de Betanzos Novo

Panorámica do Alfonseti durante o acto. Foto do facebook de Betanzos Novo

O PP celebrou o pasado luns ás seis da tarde o seu acto de campaña no Cine Alfonsetti. Canda o voceiro municipal, José Ángel Rodríguez, participaban o cabeza de lista ao Parlamento e expresidente da Deputación Diego Calvo e mais o líder dos conservadores e presidente do goberno español en funcións desde hai case un ano, Mariano Rajoy. Coa dereita local vestida de domingo, o PP quixo realizar unha demostración de forza e trouxeron autobuses de simpatizantes desde varios puntos da provincia, de maneira que pronto ocuparon as 180 cadeiras do patio de butacas do vello cine e parte da concorrencia tivo que quedar fóra. Alí, mentres unha parte do público carretado se quedaba nas terrazas aproveitando a boa tarde que quedou, outra parte seguiron a Rajoy mediante unha pantalla de plasma, un medio que utilizou varias veces o presidente do goberno en funcións para evitar ter que dar conta dos escándalos de corrupción que azoutan ao seu partido e evitar as preguntas da prensa.

A imaxe contrasta co madrugador mitin de En Marea nese mesmo escenario. Contando co cabeza de lista, o bergondés Antón Sánchez, e co concelleiro elixido na candidatura de CxG en Betanzos, que cambiou de siglas, Alberto Muíño, o partido que engloba a Anova, Podemos e IU, cubriu un terzo dese mesmo aforo o pasado día 9 a mediodía.

O Alfonsetti é a única sala cunha capacidade para máis de cen persoas que o goberno municipal do PSOE cedeu á Xunta Electoral. Do listado aprobado polo executivo local caeron a Aula de Cultura- 220 cadeiras- e o Salón Azul do Liceo- 85. O Cine, con 180 en sala e 68 nos palcos, ten problemas adicionais de espazo para determinados eventos debido a que apenas ten palco e non conta con iluminación, equipo de son nin soportes audiovisuais. O PP asegura no seu facebook que se debe a que mentres os conservadores enchían o aforo da Aula de Cultura, o PSOE non o fai e por iso o retiraron da lista.

Acto do BNG no Cantón este domingo

Acto do BNG no Cantón este domingo

O BNG optou nesta campaña por evitar o cine e saír á rúa. Celebrou o pasado domingo o seu acto central de campaña no Cantón- que ven sendo o habitual nas últimas citas cando o tempo acompaña. Aproveitaron unhas corenta cadeiras instaladas pola formación e sumáronlle escaleiras, bancos e demais mobiliario urbano para facilitar a asistencia. O emprazamento permite que quen sube e baixa pola Porta da Vila pare a curiosear uns instantes. Ademais, os nacionalistas emitiron en directo vía facebook as intervencións do voceiro municipal, Henrique del Río, e da candidata Rosana Pérez, que xa foi parlamentaria nas Cortes.

Das grandes forzas, o PSOE é o único que non está a facer campaña. Semella non gustar na agrupación local a designación de Fernández Leiceaga como candidato e que non se incluíse nas listas a ningún representante do socialismo betanceiro. Ou, tal vez, o PSOE fía toda a campaña ás convocatorias de subvencións municipais que casualmente están a saír nestes días.