O PP propón recuperar a Jaime Pita, Antolín Sánchez Presedo e Andrés Otero para a reactivación post COVID-19

Antolín Sánchez Presedo, Andrés Otero e Jaime Pita

O PP de Betanzos fixo públicas as propostas que trasladará o vindeiro martes ao Pleno municipal para a adopción de medidas sociais e económicas en relación á crise do covid-19. O seu golpe de efecto mediático consiste en propoñer que sexan figuras moi recoñecíbeis da política betanceira, agora xubilados, os que conformen unha comisión para deseñar a saída da crise do COVID-19. Trátase da creación dun “Comité para a recuperación de Betanzos”, do que propoñen que formen parte un membro de cada grupo político e os ex portavoces municipais, Antolín Sánchez Presedo (PSdeG-PSOE), Jaime Pita (PP) e Andrés Otero (BNG). A este comité tamén se sumarían profesores universitarios de Betanzos, técnicos municipais, representantes de hostaleiros, comerciantes, empresarios e doutras entidades locais. Trátase nos tres casos de persoeiros moi coñecidos da política de Betanzos que hai anos que están retirados da actividade pública.

O PP propón tamén crear unha “Mesa de Orzamentos”, integrada por un membro de cada un dos tres grupos con representación na corporación e polos técnicos municipais. O obxecto da mesa sería o de adaptar o orzamento á nova situación, reforzando as partidas de servizos sociais, promoción económica nas contías necesarias para facer fronte aos gastos do covid-19.

Propoñen un mapa interactivo que facilite a localización e coñecemento dos negocios, implicación na plataforma de vendas on- line, na liña do mercado virtual que leva meses propondo o BNG, e a planificación de actividades culturais e de lecer en todos os barrios. Vázquez apuntou que outro bloque de propostas céntrase no apoio directo ás familias con dificultades, un plan de apoio ás entidades sociais que traballan cos colectivos máis vulnerables e na loita contra a violencia machista.

A actividade económica en torno ás celebracións festivas tamén está entre as medidas que suxiren os populares. Así, proponse unha programación alternativa á Feira Franca Medieval e un redeseño das festas patronais de San Roque 2020, mais non se concreta en que termos se poderían levar a cabo nun momento sanitario como o que estamos vivindo.