O PP promete un viveiro de árbores autóctonas para os parques

Candidatas do PP nas Minas

O PP anunciou que creará un viveiro de árbores autóctonas nas Minas. Esta instalación fai parte do que o PP denomina un “Plan de Axardinamento” para mellorar as zonas verdes da cidade. Segundo o PP, “o futuro viveiro de As Minas servirá de lugar de almacenaxe, cultivo e tratamento das especies empregadas, ademais de permitir a produción de planta forestal ou ornamental de alta calidade”.

“As novas instalacións serán, ademais, xeradoras de novos postos de traballo” aseguran, obviando que precisamente a lexislación promovida polo PP prohibe este tipo de iniciativas desde o sector público.

“A medida, incluída no Proxecto de Cidade dentro da área de Servizos, contempla, así mesmo, unha mellora da coordinación dos diferentes servizos municipais: limpeza, iluminación, parques e jardínes, mantemento de viais, auga e recollida de residuos sólidos urbanos” asegura o PP.

Cecilia Vázquez tamén anunciou un Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos “máis eficiente e eficaz e acorde coa contorna, porque xa é hora de acabar co feísmo que asolaga boa parte do noso Betanzos”, e mais dun “Censo de Mascotas” e a entrada en funcionamento de instalacións e servizos de atención e acollida- que actualmente empresta o Consorcio de forma mancomunada. “Queremos que Betanzos sexa un modelo na atención integral aos animais de compañía e na educación sobre a tenencia responsable de mascotas” finalizou.