O PP pide explicacións ao goberno local pola perda dunha subvención para empregar a persoas en risco de exclusión

Foto de familia do PP

O PP de Betanzos presentou un escrito no Rexistro Municipal para esixir ao Goberno local explicacións pola perda dunha subvención da Consellería de Emprego para a contratación de dúas persoas en risco de exclusión social.

Para os populares “a gravidade dos feitos, de confirmarse, deberían de levar aparellados a depuración das pertinentes responsabilidades políticas, porque afecta a un colectivo especialmente sensible que todos debemos de protexer e axudar, algo que, evidentemente neste caso non se fixo”.

No escrito que rexistraron os populares brigantinos solicitan unha copia do expediente de tramitación da solicitude de subvención completo, así como a “versión” do goberno municipal sobre os motivos polos cales foi presentada fóra do prazo estipulado nas bases da convocatoria.

Desde o Partido Popular tamén se pide ao executivo socialista que explique se ten pensado adoptar algunha medida para evitar que isto volva suceder e que se depuren responsabilidades por privar a dous veciños ou veciñas da cidade en risco de exclusión dunha oportunidade ou mellora laboral.