O PP gaña as eleccións e o BNG é segunda forza por primeira vez en Betanzos

Betanzos volveu anticipar o resultado electoral da noite de onte. Con 3.169 votos, que supoñen o 49,57%, o PP gañou onte as eleccións galegas en Betanzos. Os conservadores, con todo, baixan algo máis de 200 votos con respecto aos comicios de 2016 e a baixada da participación é a que a leva a incrementar o seu apoio porcentual.

Os outros grandes triunfadores da noite, igual que no país, foron os nacionalistas. O BNG faise co 23,01% dos sufraxios betanceiros- practicamente calcando a porcentaxe do conxunto do país- e sitúanse como a segunda forza en número de apoios grazas aos 1471 sufraxios recabados. É o mellor resultado dos nacionalistas na cidade, tanto en termos absolutos no número de papeletas como en termos relativos, concitando practicamente o apoio de 1 de cada 4 betanceiros e colocándose por vez primeira como segunda forza.

O PSOE pasa de 1295 apoios en 2016 a 1219 esta pasada noite, quedando en terceira posición cun 19,07% dos votos.

A coalición de Podemos, IU e Anova non chegou aos 250 votos, cun 3,86%, cando catros anos antes fora segunda forza con 1300 votos e a marca electoral de En Marea.

En todos os concellos da comarca impúxose como primeira forza o PP. O BNG situouse como segunda forza mesmo en municipios que goberna o PSOE desde hai anos, como Betanzos ou Bergondo. Singular é o caso de Miño, onde o BNG, sen representación no Concello, empata en sufraxios co PSOE, compartindo a segunda praza ambas forzas. Só en Paderne o PSOE gobernante foi quen de salvar a segunda posición. Os socialistas tamén se fixeron co liderado da oposición en Coirós.