O PP exixe a dimisión dos dous edís do PSOE, o BNG pide a Barral que os reprobe e traballen “xa” nas propostas para saír da crise

O edil Andrés Pandelo servindo os viños e Hermida, de vermello, o pasado sábado. Captura de video.

Non convenceron ao PP ás explicacións de Andrés Hermida sobre a súa presenza no local de Protección Civil compartindo un viño cos voluntarios. Nin a desculpa do outro edil socialista, Andrés Pandelo, que se desempeña como voluntario da agrupación. O PP desixiu a dimisión de ambos e considera que é “a única forma digna que teñen estes dous cargos públicos do PSOE de asumir a responsabilidade”.

Hermida culpara nun primeiro momento ao PP de estar detrás da grabación das súas imaxes, en compaña de voluntarios de Protección Civil e do seu compañeiro de escano, ameazando con demandar ao autor da grabación. Posteriormente asegurou que fora ao lugar para coordinar as funcións dos voluntarios e tomou algo con eles pero que non foi máis de “un cuarto de hora”.

O PP asegura que no comunicado este edil “recoñece o incumprimento da lei no referente ás restricións impostas polo estado de alarma”. Por iso, afirma que “ten o deber de esixir a súa dimisión, así como a do concelleiro, Andrés Pandelo, por idénticos motivos”. “Como el mesmo recoñece, desprazouse ata o lugar dos feitos, reuniuse cun grupo de persoas, prohibido expresamente polo decreto de promulgación do estado de alarma, sen as medidas de seguridade oportunas” enfatizan.

A iso, suma o que aceptase a invitación para tomar algo. “Estes son motivos suficientes para que, nun exercicio de responsabilidade co concello de Betanzos e de dignidade persoal, presente con carácter irrevogable a súa dimisión como concelleira”. O Partido Popular de Betanzos afirma tamén que a continuidade de Andrés Hermida e Andrés Pandelo “danan gravemente” ao concello. “A única forma digna que teñen estes dous cargos públicos do PSOE de asumir a responsabilidade do seu grave erro, é a dimisión e a súa aceptación de maneira inmediata pola alcaldesa, María Barral”, argumenta.

O BNG demanda a Barral que os reprobe e traballen nas propostas que achegou ao goberno local

O BNG, pola súa banda, pediu pechar xa o debate e traballar nas propostas para combatir os efectos desta crise sanitaria, social e económica. Así, pediu a reprobación dos concelleiros do goberno local que incumpriron as normas do confinamento decretado co estado de alarma vixente e que o goberno se poña a traballar de inmediato nas propostas necesarias para sacar adiante Betanzos. “Pensamos que todos os veciños e veciñas de Betanzos debemos ser iguais e todas e todos temos que respectar as normas, e polo tanto a alcaldesa debe reprobar a actuación dos edís de goberno que as incumpriron e esixirlles responsabilidade nas súas actuacións”, afirmaron os nacionalistas.

“Mais, dito isto, desde o BNG pensamos que non é o momento de loitas electoralistas e que o goberno ten que resolver xa este tema para poñerse a traballar de inmediato nas propostas necesarias para garantir a seguridade da nosa veciñanza e apoiala no momento tan grave que estamos vivindo”, indicaron.

“O que a nosa veciñanza nos está pedindo é responsabilidade e altura de miras e o que estamos percibindo por parte do goberno e da oposición do PP é xusto o contrario, temos que pechar xa este debate, reprobando a actitude destes concelleiros e traballar polos veciños e veciñas de Betanzos” aseguran.

“Desde o pasado 12 de marzo remitimos ao goberno periodicamente propostas para afrontar esta nova situación nos eidos social, cultural, comercial e educativo e, honestamente, a día de hoxe non temos noticia de que se puxeran con elas”, explican. Repasan propostas concretas como un novo servizo de préstamo de libros a domicilio, un banco de locais comerciais ou un mercado virtual na páxina web do concello nas que nin sequera empezaron a traballar. “Pensamos que temos moito que facer e en que avanzar nun momento tan grave para moitas familias e a iso temos que dedicarnos”, concluíron os nacionalistas.

O 86% dos lectores de Xornal considera que debe dimitir

 

Enquisa. Resultados

Un 86,08% dos lectores que onte decidiron participar na enquisa publicada por Xornal de Betanzos cre que debe presentar a dimisión. O 54% por considerar que as normas son iguais para todas as persoas e algo máis do 31% apelando á exemplaridade dos representantes públicos. Das 747 persoas que participaron, 95 (algo máis do 12%), defenden a súa continuidade. Mesmo as respostas libres, 4 en total que computan como “other”, demandan “multa como mínimo”, “dimision” ou “que lo cesen, no debe permitirse ni siquiera la dimisión”. Mesmo hai quen ironiza cun “viva el vino, el orden y la ley”.

Sabemos que non é unha enquisa científica nin está á altura do controvertido CIS de Tezanos, pero amosa de algún xeito a opinión da veciñanza.