O PP evita apoiar a demanda de cobertura de vacantes no ambulatorio do Carregal

Centro de saúde de Betanzos

O Pleno aprobou o pasado martes, sen o apoio do PP, unha moción das nacionalistas demandando que a Xunta dote o centro de saúde do Carregal do persoal preciso para que urxencias e servizos como pediatría, matrona, xinecoloxía e outras especialidades non queden sen atención durante as vacacións, permisos e licenzas das facultativas. O BNG lamentou que o PP se negase a apoiar a súa petición para que a Xunta que poña fin ás deficiencias e carencias de persoal do centro de saúde do Carregal.

“Levamos anos pedindo que se contrate persoal para substituír as baixas e vacacións sobre todo en determinadas especialidades como pediatría ou matrona que xa están nunha situación precaria na nosa comarca e que se non substitúen se volve insostíbel”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río. Neste sentido, o nacionalista recordou que o grupo parlamentario nacionalista presentou emendas aos orzamentos da Xunta para paliar estas carencias e reprobou que “o PP que en Betanzos dicía estar a favor de dar un servizo de calidade no Carregal en Santiago pasaba o rolete e impedía melloras no noso centro de saúde”.

“Non se pode dicir, como dixo onte o PP no pleno, que a atención primaria é excelente cando en dous anos e medio pasan seis pediatras por unha consulta ou cando nos deixan sen especialistas por non cubrirlles vacacións ou baixas, ou que non hai médicos cando emigran porque se lles ofrecen contratos por horas na sanidade pública, pretendendo facer ver que o goberno galego non é causante da mala sanidade que padecemos” reprobou o voceiro do BNG.

O BNG logrou o apoio do Pleno para esixir ao goberno galego que substitúa a xornada completa aos profesionais do centro de saúde do Carregal cando falten a consecuencia de baixas, vacacións, licenzas ou permisos para garantir un servizo de calidade, nomeadamente en servizos coma pediatría, xinecoloxía ou matrona. “Pediamos igualmente que se substitúa aos profesionais do PAC nas súas ausencias, evitando que teñan que asumir as consultas os demais profesionais da quenda coa conseguinte carga de traballo”, indicou o portavoz do BNG.

Amaño das deficiencias do propio edificio

O pleno, por iniciativa das nacionalistas, tamén demandará ao SERGAS que se amañen as deficiencias no centro de saúde como o pavimento esvaradío e pozas na praza de acceso principal, corredores de madeira cheos de limo, deficiencias de illamento, cubertas e canalóns.