O PP denuncia que Betanzos perdeu unha subvención para o Casco por presentala fóra de prazo

Segundo o BNG o orzamento municipal deste ano- aprobado en solitario polo PSOE- non ten partidas para rehabilitar vivenda no Casco Histórico

Segundo o BNG o orzamento municipal deste ano- aprobado en solitario polo PSOE- non ten partidas para rehabilitar vivenda no Casco Histórico

O PP ofreceu unha rolda de prensa para denunciar que o Concello de Betanzos acaba de perder unha subvención da Xunta para rehabilitación do Casco Histórico por presentar a solicitude fóra de prazo. Os conservadores aseguran que este “erro” do goberno municipal do PSOE deixa Betanzos sen 260 000 euros e que “é o único caso en Galicia”. Segundo a dereita, ademais, non é a primeira vez que este tipo de erros se traducen en perder axudas para rehabilitar a zona monumental.

O PSOE recoñeceu que presentou fóra de prazo a solicitude, quedando automaticamente descartada. Escúdase en  “un tema técnico administrativo” e insiste en que o erro non foi “político”. O PSOE nega que se perdesen axudas similares nos últimos anos e negan que a contía que se perdeu sexan os 260 000 euros que aseguran desde o PP. “O programa de rehabilitación non ten nada que ver co que se seguía en anos anteriores. Por esta razón non pode existir unha valoración económica da partida que se podería ofrecer, polo que as cifras que se poden ofrecer carecen de bases”, pretexta o goberno municipal nun comunicado remitido aos medios e que non foi publicado no web municipal.

O PP asegura que a perda desta axuda por pedila fóra de prazo é unha proba máis da “desidia” do PSOE cara o Casco Histórico e sitúan en 800 000 euros os fondos perdidos nos últimos anos. O PSOE asegura que o PP bota “as contas da leiteira” e sostén que as axudas concedidas a través dos programas cofinanciados por Xunta e Estado para recuperar a zona vella foron “xestionados a través da Oficina de Rehabilitación e se executaron na súa totalidade, fóra dalgún caso concreto en que os solicitantes por diversos motivos renunciasen á axuda”.

Betanzos, sen Área de Rehabilitación Integral

A Xunta remitiu aos concellos os convenios para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) en base á orde publicada o día 17 de marzo de 2015 no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se establecían as bases reguladoras do Programa de Rexeneración e Renovación Urbanas que en Galicia se xestionan a través das Áreas de Rehabilitación Integral. As axudas incluídas nos convenios permitirán subvencionar as actuacións de rehabilitación executadas polos propietarios das vivendas emprazadas nas áreas de rehabilitación, así como obras de urbanización e reurbanización realizadas polos correspondentes concellos.

Desta sinatura de convenios fica excluído Betanzos- a Xunta non fai público o motivo, co cal o PP estaría usando datos confidenciais da Xunta para facer electoralismo- suponse que por pedir a axuda fóra de prazo. Así, a Oficina de Rehabilitación queda sen fondos a non ser que o PSOE habilite no orzamento municipal fondos específicos para mantela en funcionamento e con actividade.

A Área de Rehabilitación Integral de Betanzos púxose en marcha en 2003 desde a Concellería de Casco Histórico. Ambas foron creadas polo BNG, que acababa de entrar no goberno municipal en xullo. Con anterioridade, a pesar de existir a figura e fondos, o PSOE nunca optara por investir no parque residencial do conxunto monumental. Agora, o PSOE volve ás orixes e suprime, por falta de convenio e fondos, a Área de Rehabilitación Integral de Betanzos.