O PP denuncia o “silencio culpable” de Barral e reitera a exixencia de dimisión de Hermida e Pandelo por incumprir co estado de alarma

A voceira do PP, Cecilia Vázquez, nun acto público. Imaxe do PP

O PP denunciou o “silencio culpable” da alcaldesa, Maria Barral, diante das imaxes de dous edís socialistas incumprindo as disposicións do estado de alarma, que trascenderon o pasado 2 de maio. Aseguran os conservadores que “a ausencia de explicacións por parte da alcaldesa, só pódese entender como unha total falta de consideración da máxima autoridade do Concello cara aos seus veciños”.

Os conservadores reiteran a exixencia de cese dos concelleiros do equipo de Goberno local Andrés Teijo Hermida e Andrés Pandelo Torres, “por cometer un flagrante incumprimento de Lei, no que incumbe ao Decreto do Estado de Alarma”.

O PP considera que Barral debe dar cumpridas explicacións, dado que “son unha obrigación de responsabilidade política cara aos cidadáns, cara á propia institución do Concello de Betanzos e a súa Corporación e para co propio PSOE, partido ao que representan os concelleiros, Andrés Teijo Hermida, Andrés Pandelo, así como a alcaldesa, María Barral”.

Asegura a formación conservadora, ademais, que “a falta de resposta á petición de dimisión por parte da alcaldesa, é unha falta de respecto ao Partido Popular de Betanzos e ás veciños que o apoian e vótano”. “Así como a todos os veciños de Betanzos, que como mínimo son acredores dunha explicación e da inevitable dimisión de ambos os cargos públicos, como mostra de reparación por grave dano causado Concello de Betanzos e para salvagárdaa da propia dignidade política de ambos os representantes públicos” abundan.

Enquisa. Resultados

“A alcaldesa, está obrigada a manifestar o seu respaldo ou censura da conduta dos seus dous compañeiros de corporación e partido” asegura o PP. “Evidentemente o respaldo ou a censura da alcaldesa terán unha lectura e consecuencias políticas” abundan.

O PP considera que, ao non dar María Barral ningún tipo de explicación pública sobre o acontecido hai máis dunha semana, “enténdese como un actitude covarde e que avala o comportamento indigno dos seus compañeiros de corporación e partido, por tanto, con consecuencias dentro do mesmo grupo de goberno”.

“Por todos os motivos expostos o Partido Popular de Betanzos ten a obrigación de reiterar a petición de dimisión dos concelleiros, Andrés Teijo Hermida e Andrés Pandelo Torres” engaden, “así, tamén esixir, por segunda vez, as obrigadas explicacións aos veciños por parte da alcaldesa, María Barral”.

Hermida pecha o seu facebook, Barral cala unha semana no twitter e o goberno pide que a xente cumpra co estado de alarma

A primeira publicación no twitter da alcaldesa logo de trascender as imaxes dos edís do PSOE incumprindo o estado de alarma

O goberno local optou por deixar correr o asunto evitando sequera compartir o último comunicado de Andrés Hermida. O edil eliminou da rede social facebook o seu perfil, onde agora só pode atoparse unha páxina para facerse fan do concelleiro.

Mentres, a alcaldesa, que viña publicando con asiduidade cousas na rede social twitter, deixou inactivo o seu perfil unha semana enteira. A súa primeira publicación foi unha semana despois de seren sorprendidos os edís socialistas saltándose as restriccións do estado de alarma para pedirlle á veciñanza, precisamente, que cumpra coa normativa excepcional durante a fase 1 de desescalada que entrou en vigor o pasado luns.

“Temos que seguir como ata o de agora, acatando as normas e dar exemplo como sociedade. Unha vez máis” dicía a primeira edila no seu perfil. O goberno local tamén emitiu un comunicado no que solicitaba ás persoas que acudan ás terrazas hostaleiras que cumpran coas distancias de seguridade durante a súa estadía nelas.

Os perfís do PSOE obviaron o tema. O twitter da agrupación local quedou sen actualizar desde novembro de 2019, sen recoller o comunicado ou unha explicación institucional , o web non se actualiza desde as eleccións municipais e o facebook parou de actualizarse precisamente o día en que trascenderon as imaxes dos dous edís compartindo un viño con outras persoas. As mocidades, que controla Hermida, si que sacaron no seu facebook o seu último comunicado erixíndoo nun referente por pedir perdón (tras dicir que non se arrepentía de nada).