O PP demanda que Hermida sexa apartado da candidatura do PSOE ao Parlamento Galego por incumprir o estado de alarma

O PP di que Barral garda un “silenzo culpable” sobre as imaxes de Hermida incumprindo as directrices do estado de alarma. Imaxe do Concello

Ademais do da madrugada do pasado domingo, outro terremoto segue producindo réplicas en Betanzos: o causado polas imaxes dos edís Andrés Hermida e Andrés Pandelo incumprindo as disposicións do estado de alarma decretado fronte a pandemia da covid-19.

O PP, que cre que a alcaldesa de Betanzos, María Barral, ten “o deber de aclarar ante os veciños todas as circunstancias ocorridas, co fin de que feitos desta natureza non se volva a repetir” e acusaba directamente a María Barral de manter un “silenzo culpable” que viña supoñer “unha actitude covarde e que avala o comportamento indigno dos seus compañeiros” de executivo, demandou novamente a dimisión dos dous edís.

Ademais, o PP pediu a mediación do PSOE galego  “para explicar aos veciños de Betanzos o comportamento de dous concelleiros do seu partido que incumpriron o decreto do estado de alarma”. “Aínda que un deles, Andrés Teijo Hermida, xa recoñeceu o seu erro e pediu perdón publicamente, é evidente que non é suficiente para depurar a súa responsabilidade política”, insisten desde o PP.

Os conservadores consideran que a desculpa ofrecida por Hermida nun comunicado- tras outras dúas declaracións acusando ao PP de estar tras as imaxes e asegurando non arrepentirse de nada– non abonda e reiteran a exixencia de dimisión. Sinalan que “un cargo público que actúa como ocurriu en Betanzos hai uns dñias, está obrigado a dimitir”. Ademais, exixen a Hermida que renuncia el mesmo ao seu posto na candidatura do PSOE ás vindeiras eleccións autonómicas para que non se vexa comprometido “nin o Concello de Betanzos, nin o Parlamento de Galicia nin, por suposto, o PSdG-PSOE”.

O 86% dos lectores de Xornal considera que debe dimitir

Enquisa. Resultados

Un 86,08% dos lectores que decidiron participar na enquisa publicada por Xornal de Betanzos cre que o edil debe presentar a dimisión. O 54% por considerar que as normas son iguais para todas as persoas e algo máis do 31% apelando á exemplaridade dos representantes públicos. Das 747 persoas que participaron, 95 (algo máis do 12%), defenden a súa continuidade. Mesmo as respostas libres, 4 en total que computan como “other”, demandan “multa como mínimo”, “dimision” ou “que lo cesen, no debe permitirse ni siquiera la dimisión”. Mesmo hai quen ironiza cun “viva el vino, el orden y la ley”.

Sabemos que non é unha enquisa científica nin está á altura do controvertido CIS de Tezanos, pero amosa de algún xeito a opinión da veciñanza.