O PP demanda a Gonzalo Caballero e a Formoso o cese dos edís que saltaron o estado de alarma

Cecilia Vázquez con Núñez Feijóo na praza. Imaxe do PP

O Partido Popular de Betanzos solicitou a intervención do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, e do secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, na polémica suscitada polas imaxes de dous edís do PSOE betanceiro, Andrés Hermida e Andrés Pandelo, incumprindo coas directrices do estado de alarma.

Os conservadores demandan a intervención dos dous dirixentes do PSOE “para explicar aos veciños de Betanzos o comportamento de dous concelleiros do seu partido que incumpriron o decreto do estado de alarma”. “Aínda que un deles, Andrés Teijo Hermida, xa recoñeceu o seu erro e pediu perdón publicamente, é evidente que non é suficiente para depurar a súa responsabilidade política”, insisten desde o PP.

O PP tamén cre que a alcaldesa de Betanzos, María Barral, ten “o deber de aclarar ante os veciños todas as circunstancias ocorridas, co fin de que feitos desta natureza non se volva a repetir”. Hai uns días, a formación que lidera Cecilia Váquez acusaba directamente a María Barral de manter un “silenzo culpable” que viña supoñer “unha actitude covarde e que avala o comportamento indigno dos seus compañeiros” de executivo.

O 86% dos lectores de Xornal considera que debe dimitir

Enquisa. Resultados

Un 86,08% dos lectores que onte decidiron participar na enquisa publicada por Xornal de Betanzos cre que debe presentar a dimisión. O 54% por considerar que as normas son iguais para todas as persoas e algo máis do 31% apelando á exemplaridade dos representantes públicos. Das 747 persoas que participaron, 95 (algo máis do 12%), defenden a súa continuidade. Mesmo as respostas libres, 4 en total que computan como “other”, demandan “multa como mínimo”, “dimision” ou “que lo cesen, no debe permitirse ni siquiera la dimisión”. Mesmo hai quen ironiza cun “viva el vino, el orden y la ley”.

Sabemos que non é unha enquisa científica nin está á altura do controvertido CIS de Tezanos, pero amosa de algún xeito a opinión da veciñanza.

Hermida pecha o seu facebook, Barral cala unha semana no twitter e o goberno pide que a xente cumpra co estado de alarma

A primeira publicación no twitter da alcaldesa logo de trascender as imaxes dos edís do PSOE incumprindo o estado de alarma

O goberno local optou por deixar correr o asunto evitando sequera compartir o último comunicado de Andrés Hermida. O edil eliminou da rede social facebook o seu perfil, onde agora só pode atoparse unha páxina para facerse fan do concelleiro.

Mentres, a alcaldesa, que viña publicando con asiduidade cousas na rede social twitter, deixou inactivo o seu perfil unha semana enteira. A súa primeira publicación foi unha semana despois de seren sorprendidos os edís socialistas saltándose as restriccións do estado de alarma para pedirlle á veciñanza, precisamente, que cumpra coa normativa excepcional durante a fase 1 de desescalada que entrou en vigor o pasado luns.

“Temos que seguir como ata o de agora, acatando as normas e dar exemplo como sociedade. Unha vez máis” dicía a primeira edila no seu perfil. O goberno local tamén emitiu un comunicado no que solicitaba ás persoas que acudan ás terrazas hostaleiras que cumpran coas distancias de seguridade durante a súa estadía nelas.

Os perfís do PSOE obviaron o tema. O twitter da agrupación local quedou sen actualizar desde novembro de 2019, sen recoller o comunicado ou unha explicación institucional , o web non se actualiza desde as eleccións municipais e o facebook parou de actualizarse precisamente o día en que trascenderon as imaxes dos dous edís compartindo un viño con outras persoas. As mocidades, que controla Hermida, si que sacaron no seu facebook o seu último comunicado erixíndoo nun referente por pedir perdón (tras dicir que non se arrepentía de nada).