O PP compromete un plan de acción para mellorar os servizos na zona rural

Presentación da campaña do PP

A candidata do PP, Cecilia Vázquez, deu unha volta polas inmediacións do local social de Xanrozo para prometer un “plan de acción” para garantir servizos nos núcleos rurais.

A dereita, que concentrara todos os eventos municipais na praza do Campo, propón “descentralizar a programación sociocultural para que todos e cada un dos locais e entidades veciñais poidan ofrecer unha programación ampla e variada e que satisfaga os gustos e necesidades dos veciños e veciñas”. O acondicionamento dos espazos veciñais ou a construción dun local, como no caso de Viladesuso, é outra das propostas anunciada por Vázquez esta mañá, á que engadía as melloras na rede de banda ancha e rede Wi-fi.

“Se queremos fixar poboación no rural debemos de contribuír cun programa de axudas que nos permita afrontar a rehabilitación de inmobles conxugando a comodidade co respecto á arquitectura tradicional e o medio ambiente – explicaba Cecilia Vázquez á vez que insistía en que “a vivenda en mal estado ou abandonada non axuda a repoboar as nosas aldeas e parroquias rurais; por iso, as administracións temos a obrigación de facilitar os trámites e colaborar economicamente para estimular a iniciativa empresarial e a repoboación”.

Cecilia Vázquez tamén sinalou a intención do PP de recuperar a figura dos “alcaldes de barrio” como coordinadora das diferentes accións a realizar nas diferentes parroquias do municipio.

Necesitamos recuperar o diálogo e a interlocución co pobo de Betanzos- sinalaba a candidata popular – porque non podemos nin debemos de vivir de costas ao que os betanceiros e betanceiras viven no seu día a día”. E, para finalizar, Vázquez comprometeuse a potenciar a práctica deportiva nesta contorna a través da mellora daquelas instalacións en desuso ou en deficiente estado de conservación.