O PP arremete contra o PSOE por dicir que ir a FITUR custa 20 000 euros

O PP atacou ao goberno local para desmentir que a presenza en FITUR custe ás arcas municipais uns 20 000 euros. “A cantidade esaxerouse tanto que o PP quere recordarlle ao Concello que non se paga nin iso para asistir a algunha das feiras europeas máis prestixiosas no sector do turismo” aseguran os conservadores nun comunicado, no que censuran que a cantidade é un “peregrino argumento” esgrimido polos socialistas para xustificar a ausencia na feira de turismo madrileña.

“O Partido Popular considera que sempre é recomendable asistir a unha feira como Fitur” asegura o grupo que lidera María Faraldo, que foi moi crítica coas expedicións encabezadas por Manuel Lagares (PSOE) na década dos 90 con destino a esa mesma feira. O PP asegura que organizaron unha cata de viño da Terra de Betanzos coma fito de atracción xunto coa presentación da tortilla, asegurando que “o custo daquel posto foi de 3.388 euros, que xunto cos gastos de aluguer de material, promocións, axudas e demais roldaron os 6.000 euros”.

Neste “éxito” amparan que repetiran a experiencia en 2010 e 2011 para rebatir os argumentos que deron antes de ocupar o goberno local. Aseguran que “e en ningunha delas o custo superou os 12.000 euros en total”.

Os conservadores aseguran que “non van conseguir que o Goberno siga mentindo permanentemente aos habitantes de Betanzos para xustificar unha xestión de perfil baixo”. “É mentira que asistir a Fitur custe 20.000 euros, como o son gran parte das declaracións que fixo o alcalde nos últimos oito meses” zanxan no seu comunicado.