O pleno respalda a iniciativa do BNG para iniciar trámites cara remunicipalizar a traída

As queixas pola auga da traída foron unha constante no pasado outono

As queixas pola auga da traída foron unha constante no pasado outono

O pleno de Betanzos aprobou onte unha moción do BNG -emendada en parte por Betanzos Novo- para levar adiante un exhaustivo estudo dos servizos de auga e saneamento e ponderar a viabilidade de recuperar o servizo para que o xestione directamente a propia administración local. O Bloque solicitaba que se realizase tamén un estudo sobre o custo da rescisión do servizo, que presta Viaqua, e a posibilidade de rescatar a concesión por incumprimento culpable.

As denuncias pola calidade do servizo, as deficiencias que arrastra e as fugas na rede foron compartidas mesmo por un PSOE que ata a data defendera numantinamente a Aquagest-Viaqua. Só o BNG apelou á posibilidade de rescindir o contrato e facer unha análise do custo da remunicipalización, mentres que Betanzos Novo, PP e PSOE agarráronse ao posibilismo para defender que se agarde a que finalice a concesión, en 2020. apelando a unha eventual indemnización e avogaron por limitarse a sentar as bases para unha futura xestión directa.

O BNG accedeu a modificar a moción, que foi aprobada co voto favorable de PSOE, Betanzos Novo e CxG (o PP abstívose). O Bloque lamentou a pesar de todo que non se analice a posibilidade da rescisión dadas as deficiencias do servizo.