O pleno aborta a pretensión de Barral de subir as taxas de auga e saneamento no ano da covid-19

Auga avolta da traída

O goberno local levou onte a pleno unha proposta para subir as taxas dos servizos de abastecemento domiciliario de auga potable e de saneamento. O edil de Facenda repetiu por varias veces que a suba era aplicar o IPC, negativo este ano, conforme a un contrato a piques de expirar que os votos do PSOE acordaron prorrogar precisamente onte, no punto inmediatamente anterior á suba de taxas.

A suba, avalada polos edís do PSOE, non contou coa simpatía dos restantes grupos da oposición. Para o BNG, resulta inadmisible subir o custo dun servizo esencial como a auga potable nun ano marcado por unha crise económica e social sen precedentes. “É un ben de primeira necesidade, non un luxo”, repetiu varias veces a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.

A edila do BNG que lembrou que o propio PSOE anunciara un estudo técnico para remunicipalizar o servizo e deixar de subir as taxas a pedimento da concesionaria aínda no medio dunha crise, como o PSOE fixo en 2011 e ía facer novamente onte. Cuestionou, ademais, que non se compense á veciñanza cando a auga pola que se cobra desde a concesionaria non é apta para o consumo e insistiu en que a suba da auga “penaliza especialmente á hostalaría”.

O PP tampouco simpatizou coa proposta presentada polo goberno de María Barral plegándose ás exixencias da concesionaria. O seu voceiro, José Ángel Rodríguez, botou en falta un informe económico sobre o impacto da medida, algo “obrigatorio” que o goberno do PSOE “non presenta”, ironizou, dando a entender que se cadra o informe se lle furtaba á oposición deliberadamente.

O voceiro do PSOE, Diego Fenández, defendeu a suba aludindo ao estudo sobre a presenza da covid-19 en augas residuais que xustamente uns días antes do pleno a rexedora presentaba desde a depuradora. Fronte aos argumentos da oposición, e como ven sendo tristemente habitual nas súas intervencións, Fernández dedicouse en ton bronco a descualificar aos voceiros da oposición tratando de establecer paralelismos entre a postura que defendían onte e o que os seus partidos defenderan en debates remotamente parecidos no pasado:

Así que sexa por ocultar o parecer da Intervención á Corporación ou por un erro, o certo é que o PSOE viu frustrada onte a súa tentativa de subir o custo da auga e o saneamento no vindeiro ano. Unha medida que tanto o PP como o BNG consideraron incompatible coa grave crise económica xerada pola covid-19.

Unha suba “do IPC” en 2012 frustrada porque ía moito máis alá

Non é a primeira vez que o PSOE tenta subir as tarifas pola auga e o saneamento asegurando que se corresponden con aplicar o IPC interanual. En 2012 os nacionalistas alertaron dunha suba do 20% nos recibos que, finalmente, o goberno do PSOE non se atreveu a levar adiante e acabou retirando.